in

Palestras de Joana Craveiro na sala Ingrávida do Porriño

CraveiroPalestras02 |
Joana Craveiro, do Teatro do Vestido, presentará esta fin de semana (14 e 15 de febreiro, ás 21:30), na sala Ingrávida do Porriño, dúas palestras que exploran as linguaxes e dispositivos escénicos cos que a compañía vén abordando nos últimos anos a memoria política da Ditadura e da Revoluçao dos cravos.

 

Craveiro é unha directora de escena e dramaturga portuguesa que amosará na Ingrávida o simple pero ao mesmo tempo enormemente complicado que é unha posta en escena tan sinxela coma esta. Coa forma de palestras performativas –Quotidiano revolucionário das mulheres e Bairro das Ex-Colónias–, Craveiro analiza a memoria portuguesa da dictadura de Salazar, da Revolução dos Cravos, e o colonialismo e o posterior proceso de descolonización que se levou a cabo despois da ditadura portuguesa.

Combinando obxectos, imaxes, arquivos privados e mesmo testimonios e persoas implicadas directamente nos feitos acontecidos, Teatro do Vestido documenta, interpela, cuestiona a transmisión da historia oficial, propoñendo novas narrativas a partir da pequena memoria –de persoas cuxa historia nunca foi contada. Todo isto a través dun teatro que é documental, político e poético, e que ten recibido un enorme recoñecemento pola súa pertinencia.

Nestas dúas palestras fálase, primeiro, de mulleres e da súa ausencia nas grandes narrativas históricas, ao tempo que do seu protagonismo nese tempo único que foi o proceso revolucionario portugués de 1974-1975 (ou 1976, é difícil dicir cando acabou). En Bairro das Ex-Colónias xorden algunhas historias do colonialismo portugués e da perda dunha “idea de imperio” por parte dunha xeración que non o viviu directamente, mais que o recibiu a través das lembranzas dos pais.

 


Publicidade


BairroExColonias |Joana Craveiro é directora do Teatro do Vestido, compañía de teatro que fundou en 2001, en Lisboa, e que se dedica desde entón a traballar textos orixinais, escritos pola propia Craveiro, frecuentemente en colaboración cos actores, e nunha estreita relación cunha idea de comunidade que pasa pola observación atenta da realidade e a reflexión política. A relación entre os acontecementos históricos e as súas representacións no presente, así como a recolla de memorias e historias de vidas, e as cartografías poéticas e afectivas das cidades son algunhas das cuestións a partir das cales Joana Craveiro e o Teatro do Vestido veñen traballando ao longo dos últimos 16 anos.

A erregueté publicou no seu número 90 o material que daría lugar a Bairro das Ex-Colónias. O texto Bairro das Ex-Colónias insírese na serie «Páginas de um Império Perdido». Esta é a segunda parte desa serie, sobre os descendentes do retorno das ex-colonias portuguesas, na secuencia do proceso de descolonización (1974-75). A peza foi creada por Joana Craveiro (texto, dirección e interpretación), coa asistencia de Cláudia Teixeira, e deseño de luz de Carlos Ramos.


 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Andrea Dunbar

Galaxia publica a ‘Obra dramática’ de Andrea Dunbar

artika |

Concedidas as axudas a salas privadas de artes escénicas