A organización da Miteu (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense) vén de facer público un comunicado no que notifica que a Mostra adiarase a xullo.
A Miteu, programada inicialmente para o mes de abril, celebrarase na primeira quincena do mes de xullo, se a situación o permite. O programa deberá ser redeseñado, pero a organización subliña o seu compromiso co público e insiste na súa vontade de celebrar a edición deste ano.
Igualmente, a Miteu agradece o apoio da Universidade de Vigo – Campus de Ourense, e do Teatro Principal (Deputación Provincial). Polo de agora, non coñecen a resposta da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense, pero confían en que apoiarán a Mostra “do mesmo xeito que o facían para o mes de abril”. A organización agradece tamén “a comprensión das compañías”.
A Miteu, que este ano celebra a súa 25ª edición, promete celebrar unha Mostra “diferente” pero igualmente con teatro, danza, música, espectáculos de rúa, espectáculos en teatro e en sala. “Estamos a intentalo, coma todas e todos vós estades a intentar recompoñer as vosas vidas, os vosos traballos, a vosa saúde e a vosa liberdade”, remata o comunicado.
- A MITCFC desvela as datas e o programa completo da súa 43ª edición - 09/05/2026
- O FIOT convoca a décima edición do Certame Metro Cadrado - 04/05/2026
- PAM convida a celebrar o Día da Danza - 28/04/2026



