in

Home: A Place Within

Home
Imaxe de Hugh Spector

A danza tamén é unha casa

As casas nas que vivimos. A casa na que medramos, a da infancia. O relato en postais caseiras da viaxe vital dos espazos. O confinamento como pano de fondo que nos devolve, obrigatoriamente, ás nosas casas. Todo isto e máis, late na proposta coreográfica Home: A Place Within, de Ana Beatriz ‘Betty’ Pérez para a compañía Hedwig Dances de Chicago.

Trátase dunha peza realizada a distancia, coa coreógrafa na súa casa da Coruña, a compositora da banda sonora, María Move, tamén na súa, na mesma cidade, igual que Raúl Grillo, na produción musical e o elenco, formado por Jacob Buerger, Olivia González, Jessie Gutiérrez e Rigoberto Saura, nos seus apartamentos de Chicago, igual que a equipa artística da Hedwig Dances que acompañou o proceso.

A estrea online foi o domingo 7 de marzo ás 22h. na Galiza, que debían de ser as 15.00 h. en Chicago.

A concepción coreográfica, así como o punto de vista de dirección, trala pantalla, coa mediación de cámaras, evidentemente achega a danza ao audiovisual. A estas alturas, case de maneira innata, temos unha cultura audiovisual e iso contribúe a que este tipo de propostas nos funcionen e as poidamos ver con desfrute. En certo sentido até supoñen unha liberación respecto á maioría de produtos audiovisuais que consumimos nas diversas plataformas de contidos, así como na televisión ou nas redes sociais.

Neste caso, a concepción poética e íntima, tamén lúdica, na coreografía, sumada á singularidade dos corpos e dos espazos, así como a montaxe e edición de vídeo, realizadas por Armando Martén, coa asistencia de Jacob Buerger, xeraron unha peza que nos libera dos efectismos e intrigas de guión das series de ficción e que, no entanto, nos mete en casa allea, para sentir a fascinación ante o fogar como fonte de movemento e expresión inefábeis.

Cada cuarto é unha ecuación poética na que a arquitectura se volve dúctil grazas a quen a habita e a danza. Nós entramos neses catro cuartos das dúas bailarinas e dos dous bailaríns e elas e eles mírannos ás veces, igual ca o gato que observa con atención, desde o marco da xanela, a unha das rapazas que bailan.

As fiestras son algo moi relevante en Home, comunican o dentro co fóra, son o lugar da mirada de quen está no cuarto. Son os ollos arquitectónicos que lle fan a competencia ao ollo da cámara, que vén a ser a nosa fiestra para mirar o interior deses catro cuartos, desas catro danzas que dialogan na sincronía das imaxes, pero tamén na súa contigüidade fragmentada. Aí ábrese unha atractiva tensión rítmica, polo contraste entre a fluidez e a ductilidade coa que os corpos en movemento flutúan, se adaptan aos espazos e os modifican, e os fragmentos ou cadros nos que, no eixo sincrónico ou diacrónico, se presentan os cuartos.


Publicidade

No marco das portas, no marco das xanelas, no cadro dun espello ou da cortina dunha ventá, nas liñas que debuxa o pavimento ou a madeira do chan, nos ángulos das paredes… as xeometrías dos cuartos das casas fornecen unha atractiva tensión respecto ao contraste coa ondulación dos corpos.

Utilizan cuartos baleiros e salóns, principalmente pola súa versatilidade para desenvolver neles unha danza liberada da funcionalidade asociada a espazos como poden ser o da cociña ou o do cuarto de baño. Nunha sala as persoas poden facer moitas cousas, desde as máis usuais até as máis marabillosas, como acontece nesta peza.

O movemento apóiase e expándese nos elementos físicos do espazo, parece como se houbese unha simbiose. A vida é unha danza. Vivimos nas casas e, por tanto, elas tamén poden ser o xerme para a creación de movemento.

Ás veces, coa envolvencia sonora, de efecto inmersivo da música, semella que as bailarinas e os bailaríns non están sos en cadanseu fogar, senón que están a bailar coas paredes, cos elementos arquitectónicos que os gorecen. Hai, nesas secuencias, unha personificación ou prosopopea da arquitectura da casa. Pero tamén hai unha creación de espazo ao modelalo co movemento do corpo.

Tamén hai lugar para o teatro, cando xogan cunha cadeira no medio de cada un dos catro cuartos e as voces en off fálannos do que sempre quixeron ser ou facer. Entón botan man de accesorios, como gafas de sol, unha bufanda… e asoman as personaxes, que axiña se han esfarelar para volver ás persoas. Ao final, as persoas é o que conta.

No remate, o conto dos tres porquiños e as súas tres casas para defenderse do lobo. Unha referencia naif, pero tamén poderosa, respecto ao momento actual de confinamento fronte á pandemia. Paisaxe urbana nevada de Chicago desde algunha das fiestras e un dos bailaríns pegado a un muro de vidro translúcido.

Despois de asistir, encantado, á estrea online de Home: A Place Within, fico a pensar que a danza tamén é unha casa, un fogar.

HOME: A Place Within, Ana Beatriz ‘Betty’ Pérez. Cía. Hedwig Dances (Chicago)

Elenco: Jacob Buerger, Olivia González, Jessie Gutiérrez, Rigoberto Saura
Creación e composición musical: María Move
Produción musical e mestura de son: Raúl Grillo
Asistente de produción: Maray Gutiérrez
Deseño de luz: Michael Reed
Streaming e produción técnica: Jacob Snodgrass
Edición e creación de vídeo: Armando Martén Caballero, coa asistencia de Jacob Buerger
Deseño de imaxe promocional: Hugh Spector
Texto e imaxes: elenco en colaboración con Ana Beatriz ‘Betty’ Pérez

Estrea no Virtual Live Performance. 7 de marzo ás 15h. Chicago, Illinois, USA.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

32m2 ButacaZero

32m²

O artista inauténtico non pensa no porqué Pablo Carrera Simón

O artista inauténtico non pensa no porqué