in

Titirideza volve a Lalín do 20 ao 22 de agosto

'Fábula galénica'. Fantoches Baj
'Fábula galénica'. Fantoches Baj

Titirideza celebra a súa vixésima edicion coa vocación de seguir mantendo a comarca do Deza, en xeral, e Lalin, en particular, como un referente no mundo dos monicreques en Galicia e na peninsula.
Os dias 20, 21 e 22 de agosto, en Lalin ofrecerase unha variada oferta con espectáculos de marionetas dirixidas a público infantil e familiar.
As compañías convidadas presentan os seus espectáculos baixo o denominador común do monicreque, títere, marioneta ou obxecto e, nalgún caso, en diálogo co actor ou actriz.

O espazo que acollerá un ano máis o Titirideza será a Praza da igrexa, na que durante as tres xornadas de celebración do festival contará cunha carpa coas medidas de seguridade que o momento obriga.

Programación artística:

• Venres 20 de agosto

– 17h30 Compañía Eléctrica con Carabranca

Carabranca é un espectáculo de narración oral e manipulación de obxectos, baseado nun conto de Iván Sende, interpretado por Iria Pinheiro, licenciada en psicopedagoxía e actriz (Premio María Casares á Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal 2019 e Premio Maruxa Villanueva á interpretación 2019).

Carabranca é unha nena pirata que logra todo o que se propón, desafiando calquera perigo marítimo e terrestre. A partir do teatro de obxectos a actriz conta unha historia na que se entrelazan as aventuras co ánimo de superación e valores que fomentan a igualdade.

– 20h00 Trécola con Gaela quere ser druída

Unha das compañías de títeres de referencia no panorama galego, Trécola, trae esta fermosa montaxe.
Seica Gaela anda aburrida e persegue ao Druida nun día moi importante para el xa que en dúas lúas se celebra o consello de druidas anual e non atopa o condimento necesario para a súa nova poción. A nena consegue contarlle o que a preocupa, ela quere ser druida! O Mestre, non sen sentir certa vergoña, negase en rotundo:
“As nenas non poden ser druidas. Iso é cousa de homes”. Gaela, terá que demostrar ao Druida que ela pode ser o que desexe se pon todo o seu empeño, así terá que pasar divertidas e emocionantes probas para acadar a súa capa branca.

• Sábado 21 de agosto

-12h00 Soraya Lema con O exército das paxariñas

Na busca da Fraga das paxariñas faladoras, fábula creada por Xela Arias, dúas rapazas aventureiras atópanse co exército das paxariñas: a paxariña tradutora, a poeta, a música e a reivindicativa. Todas elas forman a alma de Xela e todas falan moitas linguas, mais hai unha lingua que as une a todas: a lingua galega.
A través de fábulas e contos acompañados de música co acordeón, ukelele, tambor e a frauta van descubrindo a vida e obra da escritora, que este ano se lle adican as Letras Galegas 2021. Con este espectáculo de narración oral e música preténdese que as nenas e os nenos coñezan o valor da poesía e a máxía das palabras da man de Xela. O exército das Paxariñas é un espectáculo de narración oral e manipulación de obxectos con música en directo de acordeón, ukelele, tambor e frauta.

-19h00 Os monicreques de KUKAS con Xan Perillán compra queixo, compra pan

Un espectáculo que mestura o clown e a pantomima coa maxia e os monicreques, compaxinando o ocio e o divertimento coa educación no consumo responsable e nos hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente e a ecoloxía.


Publicidade

Xan Perillán é un personaxe de pallaso mago, creado por Kukas, que encarna a inxenuidade mesturada coa comicidade e certa rebeldía infantil e con quen os nenos simpatizan rapidamente. A peza consta dun guión cheo de situacións e gags cómicos de pantomima, nos que os números de maxia e a intervención dos monicreques van ir conformando unha historia na que se presentan moitas das diferentes situacións e comportamentos dun consumidor cando ten que realizar a súa compra diaria.

O traballo interpretativo do actor pallaso, mago e manipulador de títeres presenta certa complexidade porque ten que enfrontarse dunha banda co traballo físico da pantomima, doutra coa multiplicidade de personaxes que se relacionan entre si, o que supón un minucioso traballo vocal e, por último, co traballo técnico á hora de desenrolar as escenas con maxia.

É importante o tratamento que neste tipo de espectáculo lle conferimos á maxia, que é utilizada como un elemento narrativo ou dramático. De tal maneira que os números de maxia non son exhibicións en si mesmas, senón que teñen sentido dentro do desenrolo da obra.

En canto ó tratamento plástico e visual, como é habitual no traballo da compañía, é fundamental e está coidado ata o último detalle, buscando unha posta en escena sinxela, pero efectista, que permita adaptar o espectáculo a diferentes tipos de espazos escénicos sen perder nunca a súa identidade e funcionalidade.

• Domingo 22 de agosto

-12h00 Fantoches Baj con Fábula Galénica

Fábula Galénica chega a Lalín na súa xira de celebración do décimo aniversario da peza.
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro (2010) ou a utilización do ‘kamishibai’ xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Os romeiros do caracol, Auga que non vas beber e un longo etcétera.

O espectáculo Fábula Galénica interprétase dentro dunha preciosa radio antiga, unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares. Narrado coma se dun programa de teatro radiofónico se tratase, cóntase como nun pobo ven reducidos os seus recursos polo desexo do Rei Don Cardo. Isto obriga ao Burro da Tía Lola, xunto coa raposa, o lobo e o regato a organizárense na súa loita contra o Rei para recuperar a vida da fraga e a súa contorna.

-19h00_ Fran Rei con O conto de Barriga verde

Fran Rei presenta un novo espectáculo unipersoal que mestura narración oral, humor, manipulación de bonecos e maxia: O conto de Barriga Verde. Escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela). Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde. Vello e neno demostrarán, ao mesmo tempo, que nada é máis forte que o amor verdadeiro. “Aquí sigo: ledo, ufano, satisfeito de estar vivo. Mentras o tempo me gasta: paseo, leo e escribo…!” (Manuel María, Os Soños na Gaiola, 1968).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Danza no Claustro Solo Dos

SóLODOS celebra a 9ª edición de Danza no Claustro

Marta Alonso Tejada

Marta Alonso Tejada: “O que me salva é a miña identidade na danza”