in

Blues de medianoite

Na corchea de swing

'Blues de medianoite' de Laboratorio Escénico. Foto: Raquel Castro
'Blues de medianoite' de Laboratorio Escénico. Foto: Raquel Castro

Pobos e comunidades sometidas, persoas discriminadas pola cor da pel, pola etnia, pola clase económica ou social, por ser mulleres, por ser mulleres que aman outras mulleres, forman parte desa historia terrible dun mundo que se repite, redondo e cíclico.

Chámame a atención como en Galiza, ás veces, xorden impulsos creativos que nos conectan con outras raíces, aparentemente afastadas e exóticas, pero que, no fondo, poden estar máis próximas do que parece. Ese é o caso de Blues de medianoite de Alba Fernández Cotelo e Laboratorio Escénico da Coruña, na súa versión estendida. Eu xa vira o formato breve para rúa, en Cartografía en Movemento de Lugo, en 2022, e ficara enfeitizado pola teatralidade daquela danza na que Alba se transmutaba nas grandes mulleres do Blues e do Swing, reivindicándoas, nunha viaxe na que o tempo de Swing parecía saír dos ritmos ternarios dos trens e das noites dun club nocturno de Nova Orleáns.

Na versión estendida, dunha hora de duración e cunha banda formada por Marian Ledesma (voz e teclado), Julio Cuns (guitarra), Juan Tinaquero (contrabaixo e baixo eléctrico), Bruno Couceiro (batería) e Alfonso Castro (luz e guitarra), o espectáculo adquire os xeitos dun musical invocativo e reivindicativo.

A banda entra no escenario e sérvese unhas copas, as actitudes, a luz e o son fan mudar o espazo. Estamos na media noite, a lúa brilla, redonda e chea de soños. Alba aparece bailando, pola grada, cunha harmónica entre os labios. Os instrumentos alíanse no ritmo ternario do Blues e do Swing, como un tren que nos leva por refachos das historias de Ella Fitzgerald, Bessie Smith, Ma Rainey, Billie Holiday e Mammie Smith. Mulleres negras discriminadas, abusadas, con historias terribles, que nos deixaron un legado artístico precioso, e un exemplo que é necesario coñecer e considerar. Esta é unha das achegas máis valiosas de Blues de medianoite, a reivindicación destas mulleres negras, destas artistas incribles. Unha achega que vén cargada de boa música e de temas deliciosos que, na voz de Marian Ledesma, adquiren novo brillo, nunha interpretación de textura resgada e aveludada á vez.


Publicidade

A música e ese espírito afouto substáncianse no movemento limpo, de altísima definición no trazo, de Alba Fernández Cotelo. Na primeira parte, máis articulado e, segundo a min me pareceu, máis vinculado ás danzas urbanas, liberado do feminino ou do masculino. Na segunda parte, máis ondulante e sensual, máis ligado, quizais, á evocación de clubs nocturnos e do Lindy Hop. E, polo medio, a bailarina, ademais de querer tocar a lúa e bailar co micrófono, como quen baila coa voz daquelas deusas invocadas, tamén nos conta, dun xeito moi sintético e eficaz, pequenas historias que nos dan a talla daquelas mulleres prodixiosas, xigantescas, que chegan até nós a través deste Blues de medianoite.

Nun momento dado, Alba pregúntanos se sabemos o que é a corchea de Swing. Na sala semella que non hai ninguén que o saiba. Entón aprendemos e sentimos, experimentamos e gozamos o que é a corchea de Swing e, dacabalo dela, entramos noutra dimensión que nos pon en contacto con aquelas estrelas que nos regalaron o Blues e o Swing. Unha corchea de Swing non é pouca cousa, porque na administración do tempo, na xestión rítmica, como na respiración, modulamos a vida e dámoslle ou encontrámoslle o sentido. E aquí, nesta comuñón, a ritmo de Swing, encontrámonos, xa non estamos perdidas/os.

BLUES DE MEDIANOITE. Versión estendida de Laboratorio Escénico

Creación e dirección: Alba Fernández Cotelo

Elenco: Alba Fernández Cotelo (danza e teatro), Marian Ledesma (voz e teclado), Julio Cuns (guitarra), Juan Tinaquero (contrabaixo e baixo eléctrico), Bruno Couceiro (batería) e Alfonso Castro (luz e guitarra)

Arranxos musicais: Iván Doval

Asesoramento artístico: Alfredo Pérez e Carmen Cotelo

Deseño de iluminación: Alfonso Castro

Creación musical do tema “O Tren”: Jas Porcessor

Vestiario e escenografía: Laboratorio Escénico

Apoio na xestión: Galicia Danza Contemporánea

Fotografía e vídeo: Raquel Castro

Produción e distribución: Alba Fernández e Laboratorio Escénico S. Coop. Galega

Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 25 de novembro de 2023.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Vallés na aula da ESAD de Galicia que leva o seu nome. Foto: Afonso Becerra.

Cando tes que vender a moto

Foto: A Casa Vella.

Nuria Sotelo é galardoada nos 14º Premios ao Desenvolvemento Rural