A compañía teatral Píscore estrea hoxe, venres, 9 de outubro, ás 21:15 horas, o seu novo espectáculo, ComedIA, na Mostra de Teatro de Ribeira. A montaxe contou tamén cunha residencia artística desenvolvida pola compañía en Ribeira, grazas á colaboración do Concello de Ribeira. Ademais, onte, xoves, 8 de outubro, ás 12:00 horas, houbo unha preestrea dirixida a público escolar dos centros educativos de todo o municipio.
Con ComedIA, Píscore propón “unha viaxe polo universo da carreira espacial, desde as primeiras exploracións e os grandes fitos científicos ata as misións do futuro, o turismo espacial e as posibilidades que abren as novas tecnoloxías”. O espectáculo “parte dunha pulsión tan antiga como a propia humanidade: a curiosidade por coñecer o que hai máis alá e a vontade de chegar cada vez máis lonxe”. A compañía leva esta inquietude ao terreo do humor e da música “para formular algunhas das grandes preguntas que rodean o futuro da exploración espacial: chegaremos algún día a habitar Marte? Existe vida noutros planetas? Que papel terá a Intelixencia Artificial na nosa relación co espazo? E como será a música máis alá da Vía Láctea?”.
Dirixida por Fran Rei, ComedIA é a cuarta montaxe de creación propia de Píscore (compañía formada por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas) e mantén os sinais de identidade que converteron a compañía nunha das propostas máis singulares da escena galega: “a mestura de comedia física, virtuosismo musical e a participación directa do público, cunha mirada irreverente sobre a actualidade”.
A nova montaxe incorpora ademais novos elementos á particular linguaxe escénica de Píscore, con instrumentos como o theremin ou o otamatone, referencias cinematográficas, gags trepidantes e unha posta en escena na que astronautas, extraterrestres, naves espaciais e o Camiño de Santiago conviven cun universo cheo de posibilidades.


