Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín

O concello de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal.

O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo Os cravos de prata.

O día 10 será a quenda para a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará As ondas das pedras no río, unha adaptación do libro de Arundhati Roy O deus das pequenas cousas dirixida por Fernando Dacosta.

O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa Casa O´Rei, a obra coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. O texto propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega.

Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con O rei morre, unha adaptación libre da obra de Ionesco, dirixida por Ana Vallés, na que se reflexiona sobre o poder e a morte.

O día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra Fillos do Sol, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre os últimos anos da vida de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar a que el consideraba a súa obra mestra, Os Eoas.

A entrada para os espectáculos é gratuíta.

 

Foto: Diego Seixo (unha escena de Casa O’Reide Ibuprofeno Teatro).

Deixar unha resposta