in

A conferência dos pássaros

passaros01 |

A beleza do real

| Manuel Xestoso |

 

Passaros01

 

Ornitólogos e sufís comparten a convicción de que o ceo se atopa na terra, de que aos seres alados é máis doado atopalos no universo tanxible que en ningún paraíso post-mortem. A conferência dos pássaros baséase nun relato místico persa no que as aves se reúnen para escoller o seu rei: a viaxe para buscar ao lendario paxaro Simurg acaba transformándose, coma todos os relatos de viaxes, nunha metáfora da busca da divindade, da procura do propio ser. E a conclusión do traxecto explica que non hai pescuda que non sexa indagación interior, que os que rozan a bóveda celeste son seres deste mundo cos que debemos medirnos coas armas que nos concede a existencia neste orbe.

A compañía de títeres romanesa Tandarica apura a metáfora e establece un diálogo entre a marioneta e o manipulador que pretende reproducir ese antagonismo entre dous mundos condenados a encontrarse. Os seres ideais e os de carne e óso converxen nunha posta en escena que, baseada nunha enérxica estrutura musical, empurra ao espectador a facer unha lectura ecuménica: a favor do entendemento, en dirección a unha interpretación da realidade que escarve na propia potencialidade do individuo e na súa circunstancia. O relato místico devén así un argumento racionalista a favor do coñecemento responsable e afastado do dogma relixioso.

Existe unha relación entre o actor e ese obxecto máxico que é o boneco que reafirma a vontade de superación: o paxaro que emprende a travesía iniciática en pos do rei lendario descobre en si mesmo ao director espiritual que guiará o destino da tribo. Non estamos moi lonxe do concepto de supermarioneta de Gordon Craig, aquela que iría alén da vida. Pero a materia cobra os seus tributos e ese diálogo inicial acaba contaminado pola confusión narrativa que, en ocasións, provoca unha mestura de actores e títeres non sempre seguros de cales son os límites do seu campo de actuación. As dificultades das que advirte o texto sufí acaban deslucindo, ata certo punto, a coherencia do espectáculo.

Mais, dúbidas aparte, a montaxe deixa a súa pegada pola minuciosidade con que a estética se pon ao servizo do discurso. Existe a intención de converter a beleza espiritual da historia nun dispositivo plástico que apele aos sentidos, reforzando a idea de que non hai máis deidades que as que deamos percibido entre as sombras que nos arrodean. E esa ritualización opera a favor da apoloxía do real implícita na historia: a beleza está aquí. Só se precisa unha mirada oportuna para descifrala.

 


Publicidade

A conferencia dos pássaros baseado no poema de Farid Ud-Din Attar
Dirección: Cristian Pepino
Compañía: Teatrul Tandarica (Bucarest)
Elenco: Andreea Ionescu, Cristian Mitescu, Cristina Țane Ioan Brancu, Decebal Marin, Gabriel Apostol, Geo Dinescu, Liliana Gavrilescu, Marin Fagu, Roxana Vişan
Dramaturxia: Michaela Tonitza Iordache
Escenografía e Vestiario: Cristian Pepino
Música: Roberto Cociaş, Gabriel Apostol

Festival de Almada. Teatro da Trindade, Lisboa. 17 de xullo de 2016.

 

 

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

gaivota09 |

A gaivota

tartufo escena221 |

Tartufo