Actualidade

AGADIC convoca o proceso de selección de elenco para o ‘Divinas palabras’ do CDG

PUBLICIDADE

Agadic non fixo público oficialmente quen dirixirá o espectáculo, aínda que a web do Teatro Español de Madrid anuncia que será a compañía Chévere a encargada de adaptar a Valle.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de abrir o proceso de selección de parte do elenco de Divinas palabras, de Valle-Inclán, que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará en primavera de 2018. Segundo un anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), as persoas interesadas en optar ás sete prazas de actores e actrices, con categoría de principais, convocadas teñen desde mañá e ata o mércores 13 de decembro para presentar as súas solicitudes de acordo coas bases, que poden consultarse no apartado de avisos do web www.agadic.gal.

O proceso de selección é practicamente idéntico ao que se realizou para o anterior espectáculo do CDG, Martes de carnaval, un sistema que levou a un enfrontamento entre a Asociación de Actores e Actrices de Galicia –que chegou a denunciar publicamente irregularidades– e a Agadic e que rematou coa dimisión de tres membros do Tribunal de Selección, entre eles un dos directores anunciados, Tito Asorey.

A AAAG aínda non fixo pública a súa postura ante un proceso de selección que recunca nos mesmos defectos que se lle apuña ao anterior: a falta de liberdade do director dun espectáculo teatral para elixir con criterios artísticos o seu elenco. Nesta ocasión, non obstante, os requisitos para concorrer ás prazas están máis detallados, co fin de eliminar posibles ambigüidades á hora de baremar as aptitudes das persoas aspirantes.

O CDG aínda non anunciou a programación da temporada vindeira: de forma oficial só comunicou que Divinas palabras terá a súa data de estrea en Madrid o 17 de maio, no Teatro Español, onde permanecerá en cartel ata o día 27.

De igual maneira, o CDG tampouco non fixo público quen dirixirá Divinas palabras, aínda que na web do Teatro Español aparece a compañía Chévere como a encargada de levar á escena a adaptación de Valle, algo que xa se coñecía en círculos profesionais de maneira oficiosa dende hai meses.

 

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos