Os días 26, 27 e 28 de xaneiro Proxecto PANK presentan o concerto teatralizado Masa Madre + Sal Marina no Teatro Ensalle de Vigo. Masa Madre + Sal Marina é o título dunha canción que naceu do encontro entre a creadora galega Cristina Balboa e o mexicano Manuel Parra García.

Baseada na experiencia vital do teatro dos seus creadores, esta co-produción parte da vontade dos mesmos de colaborar nun proxecto escénico na que analizaban a súa carreira sobre ou detrás das táboas e confrontar aspectos que xa non lles gustaban do sistema produtivo teatral contemporáneo. A coincidencia persoal con dúas Compostelas –a galega e a mexicana– e o periplo cara ao teatro posdramático foron as premisas do proxecto co que obtuveron unha bolsa de Iberescena para crear a dramaturxia do espectáculo. Despois de varias residencias artísticas en Compostela e México, Proxecto PANK presenta en Vigo esta proposta que se revela contra a idea dunha teatralidade do sufrimento e do esforzo e que se adentra na relación entre os dous creadores e a música porque en realidade o que sempre quixeron ser é “estrelas do pank”.

Tal e como sinalan Balboa e Parra, Masa Madre + Sal Marina é un concerto con textos e inquedanzas no que se comparten referentes, “coas nosas letras e música, producindo co que temos a man, sen sufrir; buscando un espazo de disfrute nun contexto onde a idea de espectáculo xa non nos convence pero sen renunciar ao pracer de poñernos aí e realizar dalgunha forma os nosos soños”.

 

CRISTINA BALBOA
Artista escénica e videorrealizadora afincada en Compostela. Na súa traxectoria teatral destacan as colaboracións como intérprete en Cía D2 nos espectáculos Queremos Bailar e Las verdades duelen. Desde 2011 dirixe a Cía. Funboa Escénica, fundada en 2011 por Paulina Funes e Cristina Balboa e que conta cos traballos escénicos Oiseau Rebelle con Paulina Funes (2011), Sigue Buscando con Estevo Azañón (2013), Sushi Gratis con Lúa Gándara (2015) e a micropeza Anoter Espectacle. En 2015-16 realiza o Máster en Práctica Escénica y Cultura Visual da UCLM. Como videorealizadora, entre diferentes traballos para diversas compañías, leva desde 2010 vinculada ao festival de danza e artes do corpo “Corpo(a)terra” de Ourense realizando os vídeos promocionais e o arquivo fílmico do festival.

 

MANUEL PARRA GARCÍA

Diplomado en actuación pola Secretaría de Cultura de Jalisco (México) e en Produción e dirección escénica polo programa Práctica de Vuelo de Coordinación Nacional de Teatro e o Instituto Nacional de Bellas Artes no CENART de San Luis de Potosí. É co-fundador do grupo Inverso Teatro de Guadalajara no 2006, encargado de xestionar o espazo de creación Casa Inverso. O seu traballo como actor, director e dramaturgo, foi exposto en diferentes mostras, encontros e festivais internacionais. En 2016 conclúe o estudos do Máster de Práctica Escénica y Cultura Visual da UCLM.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos