in

Derrubando muros invisibles, por Rebeca Sanz Conde

muro01 |
A autora vén de dirixir a lectura dramatizada da obra Índigo, de Vanesa Sotelo, no El Pavón Teatro Kamikaze de Madrid, dentro do ciclo Las funciones por hacer.
| Rebeca Sanz Conde |

 

Cando recibín o texto Índigo algo máxico sucedeu case de inmediato. Ao comezar a lectura puiden sentir como unha voz me guiaba internándome nun mundo alleo e abafadoramente próximo á vez, unha voz que atrapou os meus sentidos e impediu que abandonase o texto que tiña entre as mans. Esa voz foi a que fixo que me decidise por ese texto de entre os ofrecidos pola plataforma Contexto Teatral que, xunto á de Directores emerxentes en emerxencia pon en contacto a dramaturgos e directores noveis para traballar conxuntamente nun ciclo de lecturas dramatizadas, “Las funciones por hacer”, impulsado polo Teatro Pavón Kamikaze. Esta marabillosa iniciativa foi a que me permitiu descubrir esa voz para min ignota, a da dramaturga Vanesa Sotelo.

Así, iniciouse unha viaxe na que parecían derrubarse por momentos os muros invisibles que nos separan a todos os iniciados ou emerxentes (pois así somos concibidos todos aqueles menores de 45 anos, indistintamente dos anos que levemos dedicándonos ao teatro) dos teatros de maior prestixio deste país. Esta aposta valente, e moi necesaria, deste teatro madrileño que se alzou merecidamente co premio Nacional de Teatro 2017, sería ben que for imitada por outros teatros e espazos non privados, xa que isto enchería de vitalidade e novos rumbos ao teatro.

Publicidade

A proba de que estes muros invisibles pero absolutamente notorios existen, é precisamente a aparición destas plataformas que conseguiron conectar a voz de Vanesa coa miña. Se os novos escritores tivesen un lugar onde deixar voar o seu universo creativo, a unión deste colectivo non resultaría tan necesaria; do mesmo xeito, se nosoutros “novos directores” tivésemos un oco na programación de espazos públicos, poderiamos fuxir da eterna precariedade do noso sector que nos obriga a permanecer en salas alternativas ás que só lles interesa unha multiprogramación desatinada, pero altamente rendible; multiprogramación que non segue outro criterio que o de albergar moitas compañías, pois iso asegúralles maior número de público potencial xa que cada equipo arrastrará á súa familia e amigos. Estas salas en Madrid, proliferaron como os fungos nas estacións húmidas e as compañías novas lanzámonos a elas case á desesperada, pois necesitamos que a nosa voz e visión do mundo se faga escoitar e sentir, sen ser realmente conscientes de que non recibiremos maior público que o que nós mesmos acheguemos. Unha práctica habitual e altamente frustrante, ademais dunha ruína económica, que non nos leva senón a unha espiral de desilusión e desesperanza.

Así que cando recibín a chamada dos meus compañeiros emerxentes en emerxencia, sentín que eses muros se rachaban; cando me informaron de que o Teatro Kamikaze nos facilitaba o seu espazo, o teatro de moda en Madrid cuxo público está conseguido a base dunha traballada e coidada programación, notei que as pedras comezaban a soltarse; cando me enviaron varios textos da plataforma Contexto Teatral para que escollese o que mellor conectase comigo, respectando así a miña sensibilidade como creadora e favorecendo así a conexión máxica de mundos creativos dispares, escoitei o retumbar do muro caendo.

O que sucedeu despois é esa viaxe pracenteira na que conectei cunha voz hipnotizadora por actual e vibrante por contido que, de non ser por estas plataformas, xamais coñecería. Maxicamente, o mundo feminino e desgarrado de Vanesa conectou co meu e a súa xenerosidade como creadora permitiume deixar voar a miña propia creatividade con liberdade, producíndose unha sinerxía única. O seu mundo cativoume e fíxeno meu, e en apenas cinco días de ensaio, grazas a un marabilloso equipo que se entregou desde o principio á miña paixón por esta viaxe, chegamos coa nosa proposta ao Teatro. Alí esperábanos un cartel de localidades esgotadas onde un público, que xamais antes coñecera nada do que a miña compañía LAFINEA creara, aplaudiu gustoso e permaneceu no coloquio posterior para facernos saber que o texto, como a min, lles fascinara e a proposta permitíralles sentir a voz que os emocionaba.

Nese momento, o muro terminou por derrubarse; nese momento, a fascinante voz de Vanesa, unida á forza de Contexto Teatral, a vibrante posta en escena do meu equipo unido á inquebrantable firmeza dos directores emerxentes en emerxencia, e a valentía do teatro Kamikaze, derrubaron o muro invisible que nos afasta do gran público, das novas sensibilidades que claman por novas voces.

 

 


Rebeca Sanz Conde. Licenciada en Dirección de Escena (RESAD, 2014), en Filoloxía Hispánica (UCM, 2007) e Interpretación Textual (Escuela de Teatro La Lavandería, 2006). En 2012 estréase como directora coa montaxe Animales nocturnos, de Juan Mayorga, na Studiobühne da Universidad de Paderborn, Alemaña. Cofundadora da compañía LAFINEA Teatro, leva a cabo a produción, dirección e adaptación de diversos espectáculos como El encanto de una hora, de Jacinto Benavente; La boba para los otros y discreta para sí, de Lope de Vega; Muerte del apetito, de Sor Marcela de San Félix; e recentemente, a produción e direción do texto de José Cruz Desde la otra orilla. Entre as súas direccións para outras compañías atópanse Cosas de mujeres, de Manuel Izal; Tristán e Isolda, de Marco Antonio de la Parra. Tamén dirixe e adapta El burgués gentilhombre, de Molière, e Cásina, de Plauto. Entre os seus traballos máis recentes está a dirección das obras de Pablo Canosales, Ultimamente estoy muy fervoroso pero lo que realmente quiero es estar enamorado, e de Sebastián Junyent Hay que deshacer la casa. Como pedagoga imparte cursos, coloquios e seminarios de teatro clásico español e contemporáneo en España e Alemaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Masamadresalmarina |

Proxecto PANK estrea ‘Masa Madre + Sal Marina’ no Teatro Ensalle

THE ART OF LOSING creditos Susana Pereira |

Convocatoria da 26ª edição da Quinzena de Dança de Almada