in

A Panadaría presentará a gala dos Premios Youtubeir@s

youtubeiras |

A compañía teatral A Panadaría presentará a gala da segunda edición dos Premios Youtubeir@s o vindeiro 20 de abril. As actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman subirán ese día ao escenario do Teatro Colón para conducir a entrega dos premios do Proxecto Youtubeir@s, iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña. O obxectivo do Proxecto Youtubeir@s é promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: YouTube. A iniciativa pretende fomentar así a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. O público poderá acceder de forma gratuíta á gala, tras reservar previamente as súas entradas a través desta ligazón.

 

Prazo até o 15 de marzo

Os premios Youtubeir@s, centrados na promoción do uso do galego en Youtube, divídense en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e todas as persoas interesadas aínda teñen tempo de presentarse aos galardóns nas súas cinco categorías até o vindeiro xoves 15 de marzo, día en que remata o prazo de inscrición. Nesta segunda edición inclúese o galardón do público, chamado #propostayoutubeira dotado con 500 euros. Tamén ata o 15 de marzo o público pode votar as  propostas a través do Facebook para que o xurado escolla entre os cinco vídeos máis votados nesta categoría.


Publicidade

 

A Panadaría

Fundada no ano 2013, A Panadaría converteuse nos últimos anos nunha das compañías referentes no panorama escénico galego. Co seu primeiro espectáculo Pan Pan! , a formación constituída por Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman obtivo o premio Xuventude Crea 2013 e o Premio da Crítica Galicia 2015. A partir dese espectáculo, desenvolveron dúas montaxes máis, Panamericana e Elisa e Marcela. Nesta última produción, a compañía fixo o primeiro achegamento escénico a Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron en 1901 na Coruña. A Panadaría, ademais, ten presentado diversas entregas de premios como os Premios da Música Martin Códax.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DiaMarioneta2 |

Mensaxe para o Día Mundial da Marioneta, por Werewere-Liking Gnepo

estremonias |

Mónica Camaño inaugura o ciclo ‘O Teatriño’ na Fundación Luís Seoane