PUBLICIDADE

Este mes de marzo, dedicado á muller e ao teatro, comeza O Teatriño na Fundación Luis Seoane, unha actividade comisariada por Camilo Franco que busca establecer unha relación directa entre diferentes actrices da escena galega e o público. Durante 45 minutos, unha actriz efectuará un acto performativo nunha montaxe única que non se volverá a representar nunca mais, no que a intérprete será responsable do texto, da posta escena, do vestiario, etc. Nesta primeira ocasión, a representación estará protagonizada pola actriz Mónica Caamaño, quen inaugurará co seu Laboratorio de estremonías –o sábado 17 de marzo, ás 22:30– esta actividade que se desenvolverá unha vez ao mes.

O teatro é unha dimensión da realidade. Ás veces decórase e outras íspese. O teatro é como a vida vista ao microscopio e por iso parece axeitado velo de cerca e ao natural. Eliminar a distancia entre as actrices e as espectadoras é a intención do Teatriño. Deixar que cada intérprete conte o que queira e como queira co menor artificio posible. Cos espectadores como parte indispensable da súa contorna. É un teatro inesperado para cambiar o lugar da escena e o lugar das espectadoras. Para que todo o que cambie leve ao feito teatral ao mesmo lugar no que estivo na súa orixe: a ese encontro humano e directo entre quen quere contar unha historia e quen quere escoitar.

O Teatriño comeza polas actrices por volver ao equilibrio natural. Por reivindicar unha profesión e por presumir de capacidades. A primeira temporada do ciclo estará protagonizada por actrices asumindo ese desafío de facer exactamente o que cren que é a súa profesión: sen decorados, sen vestiario, sen a distancia de subirse ás táboas. Só intérpretes desenvolvendo a potencia de actuar.

 

Traballos de actriz

Se libramos o teatro da maquinaria queda a interpretación. Esa é a proposta do Teatriño, un espazo inesperado que non deixa distancia entre quen fala e quen escoita. En cada función unha actriz a soas coa súa maneira de ver o teatro nun espazo que só será escenario pola súa presenza. Este é un territorio de actrices cunha encomenda singularmente común: que fagan o seu traballo do xeito que mellor consideren: ao vivo, en directo e ao pé do público. Sen adubíos, sen intermediarios. Só actrices coas súas armas.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos