in

Teatro Proscrito leva a escena por vez primeira a obra dramática de Isaac Díaz Pardo

Midas1 |

A obra teatral de Isaac Díaz Pardo será este sábado dramatizada por vez primeira grazas a un proxecto da Deputación da Coruña que produce o texto Midas dirixido por Lino Braxe para Teatro Proscrito. O espectáculo é tamén a presentación do libro que inclúe a obra xunto con O Ángulo de Pedra, un volume case descoñecido que fora publicado en Bos Aires hai setenta anos.

En 1957 a Editorial Citania publicaba un volume de Isaac Díaz Pardo con dúas obras teatrais, Midas e O ángulo de pedra e unha capa ilustrada por Luís Seoane. As pezas do creador de Sargadelos ficaron case no esquecemento até que un proxecto da Deputación da Coruña as trae de novo á luz coa publicación en edición facsimilar da obra ademais da súa dramatización que terá lugar este sábado día 14 ás 20.30 horas na Fundación Luís Seoane da man do Teatro Proscrito con adaptación e dirección de Lino Braxe.

“Para nós é un acto de recoñecemento para o que foi promotor de tantos proxectos colectivos mais que, dalgunha maneira, non se preocupou pola transcendencia da súa obra. De feito, o libro estaba esgotado e, como nos lembra Lino Braxe, nin a propia xente do mundo do teatro coñece estas pezas escritas na nosa lingua que son de gran calidade e interese”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Publicidade

Deste xeito, o 14 de abril, no espazo que leva o nome de Luís Seoane, o xenial pintor e escritor galego-arxentino autor dos debuxos e da portada do libro de Isaac Díaz Pardo, os dous amigos volven unirse nunha actividade cultural. A presentación do volume contará coa posta en escena da peza Midas, no formato de dramatización.

Un elenco de doce actores e actrices realizan os movementos dunha montaxe teatral e van vestidos como o espectáculo precise a ollos do director. “O acto será novidade na súa totalidade, irrepetíbel, diría, desde o ano 1957 este libro non está circulando e por tanto só a edición é unha gran noticia e, por outra banda, non hai noticia de que nunca se puxera en escena o seu teatro”, explica Lino Braxe, director da dramatización. O escritor considera, desta maneira, que o do día 14 de abril é “un acto excepcional”.

Pola súa parte, a actriz Manuela Varela destaca o interese da obra e mesmo “o seu carácter feminista xa que fala da liberdade das mulleres para gozar en igualdade de condicións dos homes, ten dereito a vivir o seu pracer sen crítica, sen reproches e a usar o seu corpo como goce”. Da súa personaxe destaca que se pregunta polo “misterio da existencia e da necesidade de vivir o presente e non situarse nun futuro en que non se sabe que vai acontecer”.

O elenco está composto por X. C. Mejuto, como Midas, que encabeza un reparto que completan, Pedro Picos, Manuela Varela, Rebeca Montero, Xosé Bonome, Marina Sánchez de la Peña, Sabela Hermida, Carmen Silvia Paulo de Aragao, Rita Gasalla, Javilópez e Roberto Reboiro.

Neste caso, o mundo grecolatino estará presente nas roupas dos actores e actrices. Midas é unha traxicomedia. Aínda que o autor a defina como unha traxedia, o humor e hedonismo que habitaba en todo canto facía Isaac Díaz Pardo e en todo canto fai o director da montaxe, outorga o carácter de traxicomedia á peza. A adaptación e dirección son de Lino Braxe e o volume recolle dúas obras que supoñen unha achega de grande relevancia ao panorama da literatura dramática galega da época. Compre subliñar que, Isaac, como tantos exiliados galegos en Latinoamérica, non abandonou a súa lingua e daquela escribe o seu Midas e o seu O Ángulo de Pedra en galego. No seu momento ambas as pezas foron editadas por Citania, editorial creada, en Buenos Aires, por Luís Seoane e Diego Díaz Dorado no ano 1957. O prólogo e notas a edición son de Lino Braxe

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

transferir |

De Ste Xeito Teatro estrea ‘Loló e Mamá’ en Vigo

MartaPazos |

Marta Pazos dirixirá a ópera ‘Je suis narcissiste’ no Teatro Real de Madrid