Sementes 2018 – XXIII Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público desenvólvese no municipio portugués de Almada do 18 de maio ao 3 de xuño cun programa con máis de 60 sesións de 25 espectáculos presentados por unha vintena de compañías chegadas de Bulgaria, España, Francia, Italia, Portugal e a República Checa. Galicia estará representada da man de Tanxarina Títeres que, do 27 de maio ao 3 de xuño, ofrecerá oito sesións do seu Titiricircus en diferentes espazos do festival. Ao igual que en edicións anteriores, o Sementes espállase por todas as freguesías do Concello de Almada e polos municipios de Alcochete, Barreiro, Loures, Moita, Montemor-o-Novo, Seixal e Sesimbra.

Neste 2018 no que se conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o Sementes – Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público de Almada propón unha viaxe arredor do mundo que quere comezar no propio interior de cada individuo para rematar no “infinito e máis alá”. Ao longo de tres semanas, o Sementes  combinará teatro, marionetas, música, circo, danza, artes de rúa, performance, xogos e cinema dentro dun programa que contará con especial relevo a fin de semana do 1, 2 e 3 de xuño. Para o 1 de xuño, data na que se celebra o Dia Mundial da Criança,  xunto con diferentes iniciativas para celebrar con familia e escolas, o Sementes prepara un programa repleto de actividades nas que destacan, entre outros, a presentación de Ratsódia, un espectáculo musical de Teatro Extremo; a presentación da peza Um dia serei grande, da compañía portuguesa Baal17; o proxecto de música e artes de rúa Mimo’s Dixie Band e Out, da compañía francoitaliana de teatro aéreo Mattatoio Sospeso. Por outra parte, o 3 de xuño, o Parque da Paz de Almada será o escenario do final de festa cun programa de actividades que se desenvolverá desde a mañá até ao final do día.

Un ano máis, a Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público de Almada ofrece unha proposta de contacto e diálogo entre culturas e temporalidades, de occidente a oriente, do clásico ao contemporáneo. Con esta nova entrega, o festival propón “unha viaxe iniciática que co sopro, o aire e o vento, co riso, a poesía e a maxia, o coñecemento, o amor e a sabedoría, compartindo experiencias e afectos, nos axudará a crecer, tornar grandes e a transformar e a preservar a sociedade, o mundo e a natureza”.

Pódese consultar o programa de Sementes 2018 aquí.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos