Actualidade

Sarabela Teatro, Baobab e Elefante Elegante, no Fazer a Festa 2018

PUBLICIDADE

Do 29 de maio ao 5 de xuño, a cidade portuguesa de Maia acolle o XXXVII Fazer a Festa – Festival Internacional de Teatro para a Infância e Juventude. Durante oito días, o Auditorio da Quinta da Caverneira será o espazo de representación dos seis espectáculos do programa, formado polas compañías portuguesas Teatro Art’Imagem, Ana Madureira e Catarina Requieno e as tres compañías galegas Sarabela Teatro, Baobab e Elefante Elegante.

Cun novo formato que procura transformar o festival nun encontro de creadores e nun centro de reflexión sobre o sector, o cartel desta nova edición do Fazer a Festa dará comezo o 29 de maio coa inauguración da exposición “O teatro para a infância e juventude do Teatro Art’imagem na década dos 80” seguida da homenaxe a Roberto Merino e do debate “À procura do teatro para a Infância e Juventude”.

O 30 de maio dará inicio o tempo para a exhibición co espectáculo A maior flor e outras histórias segundo Jose, da compañía anfitrioa Teatro Art’Imagem. Inspirada na obra de José Saramago e tendo como base de traballo o libro A Maior Flor do Mundo, a peza é unha oportunidade para homenaxear e divulgar o autor por parte dunha compañía cuxo lema foi sempre o de presentar os grandes textos da literatura universal transformándoos en teatro.

O xoves 31 de maio será a vez de Último dragón, da compañía ourensá Sarabela Teatro. Tomando como inspiración autores como Y. Nesbit ou Kenneth Grahame, constrúese un mundo onde nada é o que parece. Así, en tempos de cabaleiros, a Princesa Célia, Telmo e o Príncipe interino e o Dragón protagonizan unha historia de amizade reivindicando pacifismo e tenrura como fórmula ideal para relacionarse.

O venres 1 de xuño, a portuguesa Catarina Requeijo presentará Muita Tralha Pouca Tralham na que unha parella moi pouco habituada a viaxar decide ir ver a súa sobriña Manela participar nunha carreira de automóbiles. Mais antes da viaxe é preciso preparar a equipaxe e decidir que é preciso levar.

O sábado 2 de xuño, a compañía Baobab levará Luppo: un conto marabilloso sobre sentimentos e emocións que fala do ciclo da vida, do apego ás persoas ao noso redor, particularmente aos maiores.

O domingo 3 de xuño Elefante Elegante tomará o relevo co espectáculo Danza da chuvia, un traballo no que o teatro xestual convive coa manipulación de obxectos para reflexionar sobre o cambio climático.

Finalmente, o luns 4 de xuño, Ana Madureira será a encargada de levar a escena Dama Pé de Mim, unha historia luminosa con música e texto que rima e que conta a historia de Dama Pé de Mim, quen farta de ollar para o embigo, parte á procura dun amigo.

A clausura do festival terá lugar o 5 de xuño con “Último Acto”, un tempo de reflexión crítica sobre os diferentes espectáculos presentados.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!