Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela Teatro e Compañía Ensalle protagonizan a segunda xornada de Galicia Escena Pro, o mercado galego das artes escénicas, que se desenvolve en Compostela até o 14 de xuño.
O teatro para público infantil e familiar abre este segundo día da GEP con A galiña azul, de Tanxarina: unha montaxe de monicreques que fala da diversidade e da solidariedade e que pode verse na sala 2 da Fundación SGAE ás 11.00 horas. A sala Germán Coppini deste mesmo espazo acollerá Salvador, de Borja Fernández ás 12.15 horas. Salvador segue a historia como emigrante no Brasil do seu avó paterno para construír un traballo escénico a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, cos movementos migratorios, as desaparicións e os encontros como principais eixos temáticos.
O programa da tarde comezará ás 17.30 horas no Auditorio Abanca con Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira, de Producións Teatrais Excéntricas. Carlos Santiago é o director da nova comedia desta compañía compostelá, que poñen en escena Josito Porto e Víctor Mosqueira. A continuación, Sarabela Teatro preséntase en Galicia Escena PRO con O rei morre, versión libre da obra de Eugène Ionesco. Ana Vallés asina a adaptación e a dirección deste espectáculo, que interpretan Nate Borrajo, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago e Alfonso Míguez. A cita será no Teatro Principal, ás 19,30 h.
A segunda xornada deste encontro concluirá coa posta en escena de Procedimientos ante el vacío, da Compañía Ensalle, no Salón Teatro. Trátase dun traballo interdisciplinar, que se sitúa entre o teatro contemporáneo e a danza, e que ten o seu xermolo na colaboración artística emprendida entre a compañía viguesa e a bailarina e coreógrafa Mónica Valenciano.
Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso das persoas acreditadas póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.
GIPHY App Key not set. Please check settings