Do 12 ao 22 de xuño celébrase o 41º Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica de Porto que este ano se estende aos núcleos de Vila Nova de Gaia, Matosinhos, Felgueiras e Viana do Castelo. Máis de vinte compañías de Europa e América Latina conforman o programa desta cita histórica coas artes escénicas en Portugal e que neste 2018 toma como fío condutor “os empoderamentos”. Tomando como eixo central a necesidade de dar poder a quen normalmente non o ten, o FITEI presenta nesta nova edición decenas de espectáculos e unha ampla variedade de actividades paralelas dentro dun programa que quere manter “a diversidade estilística e xeracional que ten marcado o festival”.

Cangrejo Overdrive, do colectivo brasileño Aquela Companhia; Mendoza, dos mexicanos Los Colochos; A house in Asia, dos cataláns Agrupación Señor Serrano ou Altíssimo, do pernambucano Pedro Vilela son algúns dos atractivos internacionais que o Festival presenta neste 2018. Debido a cuestións orzamentarias, derivadas dos atrasos no financiamento estatal, o FITEI reserva nesta edición varios espectáculos para o outono como son Correo, da chilena Paula Arso Gho e a residencia Yo Escribo. Vos Dibujás, do arxentino Federico León que se desenvolverán nos meses de setembro e outubro, respectivamente.

Coa mirada centrada na creación portuguesa, o FITEI ofrece un amplo abano de títulos, artistas e compañías que converten o evento nun escaparate imprescindible para aproximarse á escena lusa máis actual. Así, entre as propostas do Festival destacan espectáculos como Margem, a nova peza de Víctor Hugo Pontes con guión de Joana Craveiro e un elenco de adolescentes; Provisional Figures: Great Yarmouth, o último traballo co que Marco Martins pensa a migración portuguesa da última década nesa cidade inglesa ou Walking with Kylián. Never Stop Searching, coa que o Paulo Ribeiro rende homenaxe ao coreógrafo checo Jirí Kylián.

A creación asinada por mulleres conta tamén con un espazo relevante coa estrea de catro pezas como son Longe, de Raquel S.; De onde vens?, de Ana Luena; Bela Adormecida, de Diana de Sousa e Teoria das três idades, de Sara Barros Leitão. A elas súmanse nomes como o de André Amalio coa súa triloxía de teatro documental arredor do postcolonialismo formada por Portugal não é um país pequeno, Passa-porte e Libertação; Nuno M. Cardoso e a súa reflexión sobre a animalidade con Lulú; Luís Araujo e o seu traballo arredor da sustentabilidade en Pulmões; ou Miguel Bonneville e a súa revisión de MB#6 dez anos despois da súa presentación. Por último, completan o cartel do FITEI 2018 espectáculos como Preludio: A Mulher selvagem, de Teatro da Didáscalia; a peza de Odón Von Horváth Casimiro e Carolina, da man de Tonán Quito [na foto], (I)Migrantes, de Teatro do Noroeste/CDV e Nada de mim, unha co-produción de Artistas Unidos e Teatro do Noroeste.

Coa intención de fortalecer e estreitar a relación entre a comunidade, o festival que dirixe Gonçalo Amorim ofrece un conxunto de actividades de formación e reflexión guiadas por artistas convidados que dan forma a espazos como “Isto non é uma escola FITEI”. É o caso de “Como internacionalizar un proxecto” e o “Obradoiro de dramaturxia para a escena”, que imparte Iva Horvat e Marco André Antunes, respectivamente. Entre os espazos reservados para a reflexión e o intercambio, o 21 de xuño ás 16.00 horas no Teatro Rivoli do Porto o teatro galego será o protagonista coa presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro e o debate sobre o teatro galego contemporáneo da man de Belén Pichel (Escena Galega), Roberto Pascual (MIT de Ribadavia) e Manuel Xestoso (erregueté).

 

O programa completo do FITEI pódese consultar aquí.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos