in

Amigos da Ópera de Santiago celebra o Día Europeo da Música cunha adaptación escénica de J. S. Bach

CantataCafe |

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago celebrará o vindeiro xoves 21 de xuño o Día Europeo da Música organizando unha adaptación escénica da Cantata do café, peza composta por Johann Sebastian Bach e pensada na súa orixe para ser tocada no célebre Café Zimmermann de Leipzig, espazo onde o compositor barroco deu a coñecer gran parte das súas obras profanas. A actuación terá lugar no interior da Igrexa da Universidade (Praza de Mazarelos, 2. Santiago) ás 20.30 horas deste xoves e a entrada será gratuíta até completar as localidades do recinto.

Amigos da Ópera ofrecerá así unha lectura dramatizada desta cantata coa participación artística da soprano Clara Pannas, do barítono Keko Martínez Tapias e do tenor Christian Losada na parte vocal. No ámbito orquestral, será o cuarteto Novecento, acompañado polo frautista Luís Soto e a clavecinista Débora Valuja, que se encargue de achegar a parte instrumental. Pola súa banda, o actor e director teatral Diego Rei será o responsable da dirección escénica, na que intervirán diferentes membros de Talía Teatro, compañía de referencia no sector teatral galego que neste 2018 cumpre 30 anos de traxectoria profesional.

O proxecto da Cantata do café organizado por Amigos da Ópera de Santiago de Compostela pretende, unha vez máis, achegar unha visión innovadora sobre as obras máis representativas do repertorio. Con ese obxectivo, escóllese unha peza de Bach que, malia coñecerse como Cantata do Café, ben poderíase definir como unha ópera cómica de reducido formato. En ton satírico, a obra describe de forma irónica os efectos da adicción, neste caso, ao café. O libreto está escrito por Christian Friedich Henrici, coñecido como Picander.

 


Publicidade

Amigos da Ópera de Santiago

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) constitúe unha entidade sen ánimo de lucro que actúa en Santiago de Compostela e no seu ámbito comarcal. As súas finalidades son o cultivo e o fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e un maior coñecemento da mesma.

Para desenvolver estes obxectivos, a ADOC adoita organizar as seguintes actividades: representacións de ópera, concertos, conferencias, cursos, exposicións, proxeccións e todas aquelas que poidan estar relacionadas cos obxectivos da Asociación. Dende a súa creación en 2012, a Amigos da Ópera de Santiago de Compostela foi gañando repercusión e presenza grazas ás diferentes actividades que está a desenvolver, principalmente a organización do Ciclo Lied de Santiago ou a produción de óperas como Brundibár ou O segredo de Susanna.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LailaRipoll |

A AAAG e a Mostra de Ribadavia coorganizan un curso de formación con Laila Ripoll

inherente2 |

Inherente Teatro participa hoxe no ciclo “Mulleres en acción” en Gondomar