in

A USC acolle o III Congreso internacional de Novos Investigadores en Estudos Teatrais

conference |

A Universidade de Santiago de Compostela acollerá o terceiro “Congreso Internacional de Jóvenes Investigadores en Estudios Teatrales” (CIJIET) entre este mércores 24 e o venres 26 no Centro de Estudos Avanzados (CEA), coa presenza de máis de 60 mozos e mozas con traxectoria investigadora no campo dos estudos teatrais.

Despois da convocatoria anterior celebrada na Universidade de Murcia, o congreso proponse abrir unha nova etapa que permita seguir conectando diferentes expresións artísticas da periferia peninsular. Como sinala o comité organizador, a terceira edición busca ser espazo de intercambio de coñecementos e relación entre a mocidade investigadora no campo dos estudos teatrais, e tamén pretende fomentar o espírito que, a través do estudo crítico e da expresión artística, conecte diferentes latitudes e perspectivas.

O III CIJIET está organizado pola Asociación de Jóvenes Investigadores en Estudios Teatrales (AJIET), fundada hai un ano na Universidade de Murcia co obxectivo de promover os Estudos Teatrais en España dende a investigación de xente nova, e construíndo dende o colectivo canles para o intercambio. No congreso colaboran o grupo de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, o proxecto de investigación interuniversitario Performa, o Master Erasmus Mundus ‘Crossways in Cultural Narratives’ e o Centro Dramático Galego. A inscrición no CIJIET para as persoas que desexen asistir como ouvintes é de 20 euros con certificado, e gratuíta sen certificación. O congreso está recoñecido como actividade formativa pola Comisión Académica de Programas de Doutoramento.

 

Relatorios plenarios

O CIJIET caracterízase pola diversidade de propostas e o seu carácter internacional, xa que reúne achegas de investigadores de Letonia, a República Checa, Chile, Francia, Italia, Alemaña, Bruxelas, Serbia ou Portugal. Ao longo das tres xornadas terán lugar 18 mesas que abranguen temáticas e abordaxes diversas, dende relecturas, reinterpretacións, recepción e adaptacións do teatro; o novo contexto dixital, o teatro posdramático e a performatividade; o político e a colectividade; as dramaturxias do corpo, a sexualidade, o xénero e o queer nas artes escénicas; o traballo de dirección e o actoral; como se le e como se pon en escena a Shakespeare, dende os seus tempos aos de hoxe; as poéticas da violencia; pedagoxía e teatro; parateatralidade, ou teatro comparado.


Publicidade

Ademais haberá tres conferencias plenarias: o primeiro día André Helbo, da Universidade Libre de Bruxelas, ofrece ‘The stage and the spectator : a controversial dyad’. Na segunda xornada, Isabelle Reck, da Universidade de Estrasburgo, ofrece a conferencia ‘Teatro y crisis’. E pecha os relatorios Anxo Abuín, profesor de Teoría da Literatura na USC, con ‘Cine brechtiano: de Godard a Rocha e volta a empezar’.

 

Mesa redonda

Tamén haberá lugar para unha mesa redonda, arredor da formación teatral en Galicia, con tres persoas do ámbito da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD): participan nela Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo e director de escena, profesor da ESAD; Vanesa Sotelo, que foi alumna da escola e é tamén dramaturga, directora de escena e actual directora da erregueté | Revista Galega de Teatro ; e Chiqui Pereira, quen tamén foi alumno da ESAD e doutras iniciativas de formación coma o posgrao de Especialización en Arte Dramática da USC, e leva na compañía Berrobambán dende os seus comezos, alén de dirixir, na actualidade, proxectos con compañías portuguesas ou colombianas. Esta mesa será o xoves ás 18.00 horas na Sala 1 do CEA.

Ademais, as persoas asistentes ao CIJIET poderán gozar da función de Elisa e Marcela, o espectáculo de A Panadaría que foi recoñecido con varios Premios María Casares, entre outros, o xoves ás 20.30 horas no Salón Teatro. A continuación, as tres creadoras, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, terán un coloquio co público.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatroexpress |

A Fundación SGAE anuncia a segunda convocatoria de Teatro Autor Exprés 2018

TrecolaPiccoreTheatre |

Volve o programa “12 doces do outono” á Rede de Centros Cívicos de Compostela