in

Unha gala satírica “conmemora” o aniversario da doazón do Pazo de Meirás a Franco

PazoMeiras |
O acto artístico-reivindicativo contra o espolio terá lugar o día 4 de decembro ás 20:00 no Teatro Colón da Coruña.

 

A Deputación da Coruña organiza o martes 4 de decembro ás 20:00, unha gala artístico-reivindicativo contra o espolio da familia Franco para conmemorar o oitenta aniversario da sinatura do documento de doazón. Dirixida por Artur Trillo, na gala participarán César Goldi, Paula Carballeira, Chévere, Quico Cadaval, Ibuprofeno Teatro, Xulio Abonjo e Talía Teatro e contará coa música ao vivo de Caxade.

O acto, como lembrou na rolda de prensa da presentación a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembra a sinatura por parte de Francisco Franco da aceptación da doazón do Pazo de Meirás en calidade de Xefe de Estado que está asinada o 5 de decembro de 1938. “É un dos elementos en que se fundamenta os informes xurídicos e históricos para afirmar que Franco recibiu o Pazo en calidade de Xefe do Estado e que el gozaba da residencia de verán desde o ano 38 co que o contrato posterior é unha compravenda simulada para facerse coa propiedade a título persoal”, sinalou na súa intervención

A Deputación da Coruña organiza o acto despois de ser acordado na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, como un “paso máis no camiño da recuperación como ben público para o que xa remitimos os informes á Dirección Xeral da Memoria e continuamos reclamando que actúen con contundencia e axilicen os trámites dado o perigo de que a familia volva intentar facer outra venda simulada”.

O humor e a sátira serán protagonistas do espectáculo que será conducido polo propio Francisco Franco interpretado polo actor César Goldi. “Nun momento en que hai intención de eliminar o humor como voz crítica nós quixemos que as persoas que se dedican ao humor fosen as que reclamasen xustiza e que traian a familia Franco ao Colón para que escoiten o que a sociedade galega lle ten que dicir a través dos seus humoristas”, sinalou Goretti Samartín que eloxiou o “magnífico cadro de participantes” que conseguirán que “o Teatro Colón se encha para reclamar un tempo novo cando o neofranquismo está campando as súas anchas”.

 

“Irreverentes, sen mordernos a lingua”


Publicidade

O coordinador do espectáculo e director de Talía Teatro, Artur Trillo, defendeu que “Meirás, por un pazo público” bota man da “sátira para denunciar o espolio e eses comportamentos que a xustiza pasa por alto”. Anunciou que as compañías e particulares participantes serán “irreverentes, sen morderse a lingua que é a función dos cómicos”. Neste sentido, e fronte ás acusacións recentes a humoristas, lembrou que “mesmo os reis no feudalismo permitían que os bufóns lles dixesen as cousas e non lle cortaban a cabeza por iso. Non podemos ceder antes o que está acontecendo actualmente”, dixo.

 

O documento de 80 anos

“La ciudad y la provincia de La Coruña hicieron la ofrenda-donación de las torres de Meirás al fundador del nuevo imperio, Jefe del Estado, Generalísimo de los Ejércitos y Caudillo de España “, está escrito no documento da Junta Pro Pazo asinado polo propio Francisco Franco que inclúe no escrito a palabra “acepto” o 5 de decembro de 1938, hai agora oitenta anos, que certifica a entrega do inmóbel na súa condición de Xefe do Estado. A Junta Pro-Pazo, integrada pola Deputación da Coruña, o Concello da Coruña e o Gobernador Civil cedía a Franco a propiedade que fora comprada á herdeira da filla de Emilia Pardo Bazán.

As entradas para “Meirás por un Pazo Público” son gratuítas e pódense recoller na billeteira da Praza de Ourense da Coruña desde hoxe mesmo en horarios de luns a venres de 9.30 a 13 h e 16 a 19.30h e no Teatro Colón unha hora antes dos espectáculos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ManuelLourenzoPorXulioGil |

Unha exposición fotográfica rende homenaxe aos pioneiros en Ourense

40108304 624x371 |

Higiénico Papel gaña o II Premio Nel Amaro