in

A Gala Inaugural do Festival Atlántica celebra os trinta anos de Leilía con música e contos

Quico Cadaval |

A segunda xornada de Atlántica 2019 vai estar protagonizada por unha das citas emblemáticas do festival: a Gala Inaugural. O espectáculo desenvolverase este mércores, 13 de marzo, no Teatro Principal, co fío condutor da celebración dos trinta anos do grupo musical Leilía. A carón desta agrupación estarán os contos de María da Pontragha, Soledad Felloza, Celso F. Sanmartín e Quico Cadaval, que é ademais responsable da dirección escénica do espectáculo.

A maiores, un pouco antes do espectáculo, ás 18:00, os alumnos do curso de narración oral do Centro Xove da Almáciga van ter a oportunidade de afondar na arte da narración oral grazas á clase maxistral que impartirán o xaponés Yoshi Hioki e mais a turolense Maricuela.

 

30 anos coa tradición

Leilía naceu no ano 1989 da man de seis mulleres decididas a recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Foi así como as irmáns Ana e Rosario Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera e mais as tamén irmás Felisa e Patricia Segade comezaron a súa singradura como cantareiras e pandeireteiras cun repertorio que amosa as súas recollidas de coplas tradicionais galegas.


Publicidade

Nestes trinta anos de traballo, Leilía foi quen de manter viva a tradición e de abrir novos camiños musicais sen se traizoar. Algúns galardóns que recoñecen o seu labor son o premio Mellor Espectáculo Europeo ao Hent Sant Jaquez no European Forum Woldwide Music Festivals 1993, ou o Premio á Mellor Canción en Galego por “Pedras contra tanques” na VIII Edición dos Premios da Música (2004), entre outros. Na discografía do grupo figuran Leilía (1994), I é verdade i é mentira (1998), Madama (2003), Son de Leilía (2005) e Consentimento (2011).

 

Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron espallando polos camiños do mar.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Plastic |

‘Plastic’, de Paula Quintas, no TRC Danza da Coruña

gala2 |

A TVG non retransmitirá a gala dos Premios María Casares