in

Comeza a Mostra de Títeres de Ribeira

fábula galénica |

Este sábado 6 de abril comeza a XII Mostra de Títeres de Ribeira, Titiritando, que busca iniciar ao público infantil nas artes escénicas. Dona Barriga Verde, de Larraitz Producións Artísticas, será a obra encargada de abrir o ciclo. O espectáculo supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachiporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques.

O vindeiro día 13, na Porta do Sol, ás 19:00, Seisdedos poñerá en escena O galo Quirico e os seus amigos, unha peza protagonizada por monicreques de cartón e baseada na versión que Bernardino Graña creou a partir dun conto popular. A obra está interpretada por Anxo García, manipulando os monicreques, e o acordeonista Carlos Quintá, que toca a música en directo.

A terceira cita de Titiritando ciclo vén da man de Títeres Alakrán e o seu Circo galaico, un espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mestura co autóctono, onde os acróbatas e malabaristas serán animais da fauna galega coma o xabarín, o lobo ou a pita do monte.


Publicidade

Finalmente, o día 27, Fantoches Baj pecha a mostra con Fábula galénica, un espectáculo que parte do texto do mesmo título que foi galardoado co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Nel réndese homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e á ciencia farmacéutica. O texto foi escrito por Inacio Vilariño, que tamén dirixe e interpreta este espectáculo, xunto con Luís Iglesias. Como é habitual nos espectáculos de Fantoches Baj, faise un importante traballo de recuperación da tradición oral e popular, base da proposta de Fábula Galénica, pero traéndoa á actualidade, para conseguir conectar máis facilmente cos nenos.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

InvisiblesGrande |

‘Invisibles’, de Redrum Teatro, Premio Luísa Villalta

theater 432045 1280 |

Festival de Teatro Escolar en Palas de Rei