in

La Fura dels Baus trae ao Gaiás un macroespectáculo sobre a loita contra a pandemia

LaFuraNN |
O espectáculo conta coa participación de máis dunha vintena de artistas galegos que na función de Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes.

 

A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 29 de xullo ás 21:00 o macroespectáculo de La Fura dels Baus NN (Nova Normalidade), unha proposta dirixida por Carlus Padrissa coa que a compañía catalá recoñece o traballo do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. O espectáculo contará coa participación de máis dunha vintena de artistas galegos, que nesta función en Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes, e tamén coa colaboración de entidades locais.

O espectáculo foi presentado en rolda de prensa polo director da peza e director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo. “Con este espectáculo, ideado e producido durante o confinamento, La Fura proponse homenaxear, desde o ámbito da cultura, a todo o persoal sanitario ou que traballa en tarefas dirixidas a protexer a saúde da cidadanía, desde persoal de limpeza, a equipos científicos, celadores, persoal de enfermería e medicina, terapeutas, traballadores sociais, condutores de ambulancia, ou farmacéuticos”, asegurou Padrissa. Ademais, o director artístico da compañía catalá sinalou que a peza “realiza un chamamento a remar todos na mesma dirección ante as grandes ameazas da Humanidade, desde pandemias como a do coronavirus, ao cambio climático”.

NN (Nova Normalidade) toma como punto de partida a loita contra a covid-19, trazando un paralelismo entre os sanitarios e científicos do momento actual e os exploradores que séculos atrás abriron novas rutas marítimas ata conectar todos os océanos e circunnavegar o planeta demostrando que a Terra é esférica. Con esta peza, La Fura capta ademais a nova normalidade como un berro unánime para que a Humanidade se una na consecución dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). A proposta, que integra música, canto, actuación e performance baixo a icónica linguaxe fureira conta coa voz da soprano Alba Fernández Cano, e a música do guitarrista Pep Mendoza.

Nova Normalidade vén de estrearse os días 3 e 4 de xullo no recinto modernista do Hospital de Sant Pau de Barcelona, no marco do festival Cruïlla XXS. O 10 e 11 de xullo recalou no Hospital de Igualada, para emprender a continuación unha xira por recintos de todo o país, que ademais de Galicia inclúe paradas en Madrid ou Cantabria.


Publicidade

 

La Fura

La Fura dels Baus foi pioneira en reconceptualizar dous dos aspectos máis importantes de toda arte dramática: o espazo e o público. Así, respectivamente, redefiniron os escenarios – trasladándoos a espazos non convencionais– e mudaron de pasivo a activo o papel do público. Coa inquedanza e a necesidade constante de explorar novas tendencias artísticas desenvolveron, mediante un proceso de creación colectiva, unha linguaxe, un estilo e una estética propios que souberon levar a diferentes xéneros: a arte escénica, a ópera, o cinema ou o macroespectáculo.

Carlus Padrissa, director do espectáculo NN (Nova Normalidade), é un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea ademais un dos proxectos máis ambiciosos da Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

VoaVoaTalía |

Talía estrea ‘Voa, voa’ en Cee

TorneoCangas |

Roberto Salgueiro gaña o IV Torneo de Dramaturxia de Galicia na Mostra de Teatro de Cangas