in

Baiona acolle a mostra de pezas curtas BrevEscénica

Helen Bertels
Esta fin de semana Baiona acolle a mostra profesional BrevEscénica. O venres 4 e o sábado 5 as creadoras Helen Bertels, Marta Pérez, Arantxa Treus e Paula Sanmartín presentan as súas creacións no casco vello da vila baionesa. Ao remate de cada peza, haberá un coloquio coas artistas para que o público poida ter un contacto máis directo co seu traballo e os seus procesos creativos. | Foto: A Fiestra |

 

BrevEscénica é una mostra de teatro breve profesional na que caben todos os xéneros. O espazo, que fora concibido para a primavera de 2020 e tivo que ser adiada por mor da Covid-19, vén de ser recuperada dentro do programa BaiVerán. Trátase dun circuito escénico en diferentes espazos do casco vello de Baiona onde se presentan pezas curtas nun marco alleo ao espazo escénico habitual.

O programa desta primeira edición está formado polos espectáculos: Poemas para levar, de Helen Bertels; Sofía, de Marta Pérez; Sorpresa!, de Arantxa Treus e Desvío I, de Paula Sanmartín.

Este venres 4 de setembro na praza Padre Fernando (rúa Carabela La Pinta e Mercado de Baiona) ás 19.00, a creadora Helen Bertels presentará o seu Poemas para levar. Nesta proposta, a artista pasea co seu libro Diario de Nimiedades e dúas cadeiras coa intención de convidar á xente a sentar con ela para escoitar un poema. Quen accede elixe un número de páxina e un idioma (galego, castelán ou alemán) e, deste xeito, autora e oínte comparten un intre íntimo e máxico para logor seguir cadaquén o seu camiño.


Publicidade

Tamén o venres 4, ás 20.30, Marta Pérez presentará no hall do Concello de Baiona a acción escénica Sofía, elaborada a partir do espectáculo maior Sofía e as Postsocráticas que versa tamén sobre a violencia de xénero. Próxima ao teatro-conferencia, Sofía é unha proposta na que a actriz no escenario é acompañada da súa propia máscara (Platón) e fai unha reflexión sobre a necesidade de buscar un novo logos ou un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista, analizando cales son as causas da estrutura do maltrato. A acción ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación, a xustiza patriarcal e o efecto espectador.

O 5 de setembro, ás 20.00, Arantxa Treus desembarcará nos Xardíns da Casa da Navegación con Sorpresa! Coa escusa dunha festa, Sorpresa! propón unha viaxe pola vida de Nora: unha muller que deixou a súa profesión para exercer de nai. Trátase dunha muller educada no catolicismo feroz, unha muller medicada e bébeda, unha muller intelixente e sensible con intensas ganas de xogar, vivir e amar. Nora ten preparada a festa sorpresa polo 40 aniversario do seu home á que o público asiste como como compañeros, familiares e amigos da parella. Excitada, entra coa torta, ultimando os detalles para que todo saia perfecto pero… u-lo Álvaro?

A continuación, o sábado 5 Paula Sanmartín tomará o relevo con Desvío I, ás 21.00, no hall do Concello. Desvío I é un percorrido metafísico –festivo polo universo onírico das sinapses dionisíacas da actriz onde sutilmente danzan o deus Pan e a norte, Hermes e Afrodita, o verbo Free Jazz e a batida Death Metal. Un oráculo posdramático invocado con testosterona e estróxenos, (V)ideo-arte e Sansón. Unha meditación escénica sobre a supervivencia e o xénero.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LohengrinMiradaDasBolboretas |

Compostela acolle o XIX Festival Agustín Magán

Tolitates |

Máis de 25 actividades para a fin de semana no Festival de Títeres de Redondela