in ,

Compostela acolle o XIX Festival Agustín Magán

LohengrinMiradaDasBolboretas |
Compostela acolle do 4 ao 6 de setembro o XIX Festival Agustín Magán, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado. Oito compañías das catro provincias conforman o programa que se desenvolverá esta fin de semana no Teatro Principal e no Salón Teatro no ano no que que a Fegatea celebra o seu vixésimo aniversario.

 

O Festival arrinca este venres 4 de setembro ás 20.00 horas no Teatro Principal co ‘Programa de microteatro’ no que participan as compañías Cavort coa peza Ausencias, A Tequerreté con A aposta do chisqueiro e Hipócrita Teatro con Mitoloxía para ignorantes.

A xornada do sábado comezará ás 18.00 no Salón Teatro da man de Teatro do Ar co espectáculo Lume, para continuar no Teatro Principal a partir das 20.00 con Atrezo-Fontevella e a obra Balneario da Condesiña.

De igual modo, o domingo o Festival ofrecerá unha sesión para público familiar ás 12.00 no Salón Teatro co contacontos musical A mirada das bolboretas a cargo de Lohengrín. Pola súa parte, ás 18.00 Ateaco tomará o relevo no mesmo espazo con Final de película, mentres que a compañía Tiruleque será a encargada de pechar o pano desta decimonovena edición ás 20.00 no Teatro Principal con A farsa de Maitre Pathelin.

As entradas serán de balde pero será preciso retiralas dúas horas antes do espectáculo nas billeteiras do Teatro Principal e do Salón Teatro.


Publicidade

 

A Fegatea

O XIX Festival Agustín Magán enmárcase nas actividades programadas pola Federación Galega de Teatro Afeccionado no ano no que o colectivo celebra o seu vixésimo aniversario. Formada por 52 grupos das catro provincias, a FEGATEA conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus vinte anos de historia, a Federación foi ampliando e consolidando un espazo propio para o teatro afeccionado galego. Formación, debate e reflexión; ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro son as liñas de acción nas que a Federación leva traballando nas últimas décadas e que cuxos resultados se viron materializados coa sinatura de convenios con entidades públicas e privadas e actividades consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Circuíto Galego de Teatro Amador e os festivais organizados no marco da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PremiBorn |

A XLV edición do Premi Born de Teatre recibe 571 obras

Helen Bertels

Baiona acolle a mostra de pezas curtas BrevEscénica