in

O voto

José Malhoa, Festejando o São Martinho ou Os Bêbados, óleo sobre tela, 1907. Museu José Malhoa, Caldas da Rainha.
José Malhoa, Festejando o São Martinho ou Os Bêbados, óleo sobre tela, 1907. Museu José Malhoa, Caldas da Rainha.

Agora que estamos en época de pensar no exercicio do voto, vou tentar facer outro que é moi típico de opinadores e tertulianas de programas de televisión e radio ou mesmo de xornais. Propóñome analizar, vaiche boa!, o voto do público no teatro, niso que, segundo din, é un espello do mundo. Ao mellor até non descubro nada!

Onte, sábado 8 de xullo de 2023, rematou a 40ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, a MITCF, que, como fan moitos festivais, lle ofrece ao respectable (ao público) a oportunidade de votar polo mellor espectáculo, entre os de maior caché e formato, ou sexa: os que se mostran no escenario grande do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela. A MITCF tamén programa outros espectáculos de formatos e modalidades diversas, cuxa experiencia se nos ofrece en espazos “alternativos” ao teatro á italiana que divide escenario frontal e platea. Pero estas experiencias teatrais, feitas en rúas, prazas, praias, nunha capela ou nunha sala de exposicións, veñen ocupar iso que, dalgunha maneira, poderiamos cualificar como programación B. Na rúa ao mellor teñen máis público que algúns dos programados na sala á italiana, en boa medida por seren gratuítos. Os dos outros espazos “alternativos” poden ser gratuítos ou ter unha entrada de prezo máis barato ca os espectáculos que se mostran no escenario á italiana, fronte ao patio de butacas.

Porén, o confort da butaca acolchada e as circunstancias técnicas (acústicas, visuais, etc.) da sala á italiana, na que o público fica resgardado da acción directa daquilo que acontece no escenario, mirando sen ser mirado, coa impunidade do vouyeur desde a escuridade da platea cara á luz do escenario, fai que asumamos e confirmemos que o teatro é sobre todo iso: o que acontece nun escenario dun teatro á italiana. Así pois, os elixibles, os candidatos, son os espectáculos que se consagran nese altar privilixiante, non os que andan dando a lata polas marxes nesoutra programación B (léase desde o humor).

Onte, ao rematar a derradeira función da 40ª MITCF de Cangas, puiden observar como os colegas e amigos da MITCF baleiraban a caixa cos votos do público e facían o reconto electoral.

E quen gañou?


Publicidade

En primeiro e segundo lugar, na miña opinión, gañaron dous espectáculos moi merecentes de ter gañado e de grande calidade. En primeiro lugar, O avaro de Molière da Cía. Atalaya de Sevilla, dirixido por Ricardo Iniesta e, en segundo, lugar In petto da Cía. OKIDOK de Bruxelas, un espectáculo de grande mestría no clown, nun estilo e cunha estética moi recoñecibles. En ambos casos, trátase non só de obras que son teatro, senón que, ademais, teñen toda a aparencia do que tradicionalmente se entende por teatro: confirman a convención xeral da ficción, como pacto de xogo co público, a través de actrices e actores que desaparecen tras personaxes de cerna teatral (artificial). Actrices e actores que fan unha demostración ou exhibición, de xeito ostensible e até virtuoso, da súas habelencias e mestría para transformarse en personaxes teatrais. E confirman tamén as convencións (pactos de xogo) particulares dun xénero e uns estilos recoñecibles, sabidos e asumidos, interiorizados polo público grazas á tradición, por exemplo, a comedia, o clown, o esperpento e os recursos e figuras retóricas que lles son propios.

Trátase por tanto, dun teatro que non só o é, senón que, ademais, o parece. Como se falamos de danza, e pensamos, por exemplo, na figura dunha bailarina con mallas e tutú nunhas zapatillas de punta de ballet, ou se pensamos, no teatro, na imaxe de Arlequín, Pantalone e o Doutor da Comedia da Arte italiana. Nada que ver con esoutras propostas nas que a actriz case non parece unha personaxe teatral ou un pallaso de circo. Nada que ver con esas propostas nas que a bailarina vai vestida de rúa, coma nós, cunhas deportivas nos pés e corre ou camiña e fai movementos que non van coa música e que non podemos asociar con nada coñecido.

Así pois, atrévome a pensar que o voto do público, do pobo, case… case… case… parece conservador. Trátase dun voto ao coñecido, ao xa sabido, dentro dunha escala ou concorrencia competitiva baseada na exhibición dos méritos. Recoñecer algo, por exemplo personaxes, argumento, temas e recursos expresivos, fainos sentir seguros, intelixentes e listos. Por iso, incluso nos teatros, e quizais máis nos teatros que noutras artes, custa tanto o progreso das formas e das convencións (pactos de xogo) e, por tanto, tamén daquilo que se asocia a esas formas. Isto non só acontece na MITCF de Cangas, senón na maioría absoluta dos festivais e dos teatros e auditorios. Mentres tanto, imos ver o que acontece o 23 de xullo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

40º Festival de Almada. Foto: Rui Mateus.

40º Festival de Almada, referência principal no eixo atlântico peninsular

El Avaro Atalaya MITCFC

Atalaya Teatro gaña o Premio do Público da MITCFC por ‘El avaro’