in

O CDG estrea en Galicia ‘Manuela Rey Is In Da House’

Faino cunha serie de funcións dende hoxe ata o sábado no Teatro Principal de Santiago

Manuela Rey Is In Da House
'Manuela Rey Is In Da House'. Foto de Rui Carvalho.

O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House. Faino cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela dende hoxe, xoves 14, ata este sábado, 16 de marzo, ás 20.30 horas, para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX.

A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional  São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior da unidade teatral da Xunta de Galicia e na súa estreita relación coa escena lusa.

Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, quen asina tamén a dramaturxia, a conexión galego-portuguesa reflíctese tanto na composición dos equipos artístico e técnico como na propia temática da peza, inspirada na historia de Manuela Rey, nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida en Lisboa en 1866, aos 23 anos de idade.

Linguas e talentos compartidos

Ao igual que a vida de Manuela Rey, esta produción emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.

Despois da súa estrea en novembro pasado no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo, e de facer unha segunda visita á vila portuguesa a semana pasada, onde se volveu representar entre o 7 e o 9 de marzo, a peza chega agora a Galicia en colaboración co Concello de Santiago de Compostela e como parte das actividades do 40º aniversario do Centro Dramático Galego. Ás tres funcións no Teatro Principal o xoves 14, venres 15 (con coloquio posfunción ao remate) e sábado 16 de marzo ás 20.30 horas, sumouse un pase previo onte, mércores 13, dirixido ao alumnado da USC no marco do seu programa Faíscas Culturais, que abrangue durante todo o mes varios coloquios e instalacións artísticas arredor da figura da artista.


Publicidade

Despois desta estadía, o espectáculo viaxará de novo a Portugal como parte das carteleiras de citas tan relevantes como Festival de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI) de Porto os días 16 e 17 de maio e do Festival de Almada o 14 de xullo.

Reconstruír a memoria da “muller lirio”

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.

As entradas para ver en Santiago de Compostela Manuela Rey Is In Da House poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal, na Zona C da praza de Cervantes e no despacho de billetes do Teatro Principal os días de función dende as 19.30 horas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Libre coma os Paxaros

A AAAG concédelle o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala

CANCIÓNS AMARELAS, FLORES TRISTES © Cristian Farpón 2 red

Manekineko estrea ‘Cancións amarelas, flores tristes’ en Vigo