A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, celebrou hoxe un acto no que deu a coñecer o cartel da súa 41ª edición, que se celebrará do 18 ao 26 de xullo deste ano, así como algúns dos nomes que formarán parte da programación do festival. Na Praza Buján da localidade ribadaviense, o alcalde, César Fernández; e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, acompañaron a directora da MIT, Sabela Mendoza, e á súa directora adxunta, Gena Baamonde, na presentación dunha edición que apostará “por abrir novos camiños para o teatro contemporáneo”, tal e como sinalaron.
“Esta edición da MIT chega con cambios, con renovación e novidades que comezan na dirección da propia Mostra, agora conformada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, a quen lles agradezo o traballo que levan feito desde que chegaron á dirección da MIT, achegando a súa enerxía e agarimo non só pola propia MIT, senón polo teatro e por Ribadavia”, quixo poñer en valor o alcalde, César Fernández, durante o acto. Así mesmo, o rexedor aproveitou para agradecer ás institucións públicas e patrocinadores “o apoio importantísimo para o desenvolvemento e o éxito da MIT, sen os que sería imposible levar a cabo un evento destas características en Ribadavia”.
A nova imaxe da Mostra Internacional de Teatro inspírase nalgúns elementos propios da esencia do festival e do seu contexto, Ribadavia: “A pedra granítica e a vexetación silvestre únense a personaxes e figuras que recordan unha montaxe teatral; así, a estética minimalista dos elementos gráficos centrais contrasta co dinamismo das personaxes de fondo e da composición tipográfica. Unha combinación orixinal, reforzada pola escolla de cores vivas, que conceptualmente se inspira nas ideas de resistencia e esforzo que sosteñen o oficio teatral”, segundo explicaron dende a Mostra. A creadora galega Montse Piñeiro (ilustradora, ceramista e deseñadora, vinculada tamén ás artes escénicas) foi a encargada do deseño desta imaxe, que desenvolveu en diálogo coa nova dirección artística.
A dirección artística da 41ª edición, está marcada polo relevo neste cargo, que pasa por primeira vez ás mans dun equipo feminino. “Esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición. Este ano comezamos a traballar nalgunhas das ideas e liñas culturais que nos gustaría traer para o festival, cunha clara aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas. Interésannos a idea da exploración, das creacións indómitas, do compromiso comunitario e das perspectivas que procuran incidir no tempo que vivimos, alimentando o pensamento crítico e aberto sobre as nosas xenealoxías, as cuestións do presente e a imaxinación de futuros. Pero ao mesmo tempo, este ano mantemos a estrutura habitual da Mostra, cos mesmos espazos e a mesma duración, e algunhas das apostas programáticas que xa se viñan desenvolvendo”, expresaron Sabela Mendoza e Gena Baamonde, dende a nova dirección artística do festival.
Así, por exemplo, tal e como deron a coñecer, este ano poderán verse varios espectáculos de compañías galegas que contaron con apoios á produción por parte da MIT, como son: Reconversión de Ibuprofeno Teatro, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, “un espectáculo entre o íntimo e o político arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo”; Non Pasarán de Ártika Cía, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey, “que trae unha reflexión sobre a cidadanía e o medo aos ‘outros’ a partir da historia dun lugar sacudido por unha vaga de incendios provocados”; e Profetas, de Ítaca Teatro, peza que leva a escena un texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente e “que presenta o encontro íntimo dunha parella que xa non o é”, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Estas pezas poderán verse nos días 23, 20 e 25 de xullo respectivamente. Con elas buscan “dar continuidade á liña de apoios á creación escénica galega que xa viña sendo habitual”.
Ademais, como novidade, segundo compartiron, este ano súmase o apoio a unha produción estatal: a obra Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e a MIT de Ribadavia. Estreada recentemente en Madrid, a obra terá a súa estrea galega na Mostra. Trátase dunha montaxe que reúne baile e cante en directo “para falar do choque entre os tempos xeolóxicos e os ciclos humanos”. A obra poderá verse o día 25 de xullo no Auditorio do Castelo.
Nesta liña de apoio á creación, o festival renovou a colaboración coas Residencias Paraíso do colectivo RPM, que traerá a dupla formada pola coreógrafa e bailarina Natalia Fernandes e a artista visual Marta Azparren Azparren co seu proxecto Dormidos y cerrados los ojos bailan, en residencia na Igrexa da Madalena, que finalizará cunha mostra aberta ao público.
Ademais, nesa liña explicaron que a MIT renovou o espazo de apoio á creación a través doutras residencias artísticas, que poñen o foco nos procesos artísticos comunitarios. La Volátil, novo colectivo artístico que reúne a Irene Moreira e Álex Sobrino coa andaluza Rosa Romero, “que estarán traballando no seu proxecto Pan, nubes y chocolate a través dun obradoiro participativo e dun labor de recollida de memorias esquecidas, lugares e historias persoais oculta”. Será a primeira vez que se presenta publicamente este colectivo que establece unha ponte entre Galicia e Andalucía. Tamén acollerán en residencia, en colaboración co Centro Dramático Galego, a autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela, co seu proxecto Os passadores, “que pretende abordar cuestións de nacionalidade e emigración na actualidade, a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando do período entre 1936 e 1975 en España e Portugal”. Portela desenvolverá tamén un obradoiro comunitario e un traballo de pescuda sobre Ribadavia e os lugares de fronteira máis próximos con Portugal. Nas próximas semanas a Mostra abrirá o período de inscrición para facer parte destes dous procesos, que rematarán ambos nunha mostra aberta na xornada do 23 de xullo, coa participación das persoas inscritas.
Esta edición acollerá tamén a celebración dos 20 anos do Premio Abrente de Textos Teatrais, para a que desenvolverán un evento especial na tarde do 24 de xullo, coordinado pola actriz e comunicadora cultural Rosa Puga, que consistirá “nunha lectura colectiva de fragmentos seleccionados dos textos premiados nestes anos, coa participación de convidadas e convidados especiais, e o anuncio final do premio deste ano”.
Outra das liñas que acompañará a programación de espectáculos será a de formación escénica. Nesta edición acollerás un curso de máscara neutra con Mar Navarro e un curso de clown con Roi Borrallas, ambos en colaboración coa Asociación Galega de Clowns. Ademais, en colaboración coa Asociación Galega de Actores e Actrices, albergará a propsota El desenterrador, de Societat Doctor Alonso, “un dispositivo para investigar e afondar na palabra, no seu sentido orixinal e a súa relación co corpo”, baixo a dirección de Sofía Asencio e Tomás Aragay. A compañía presentará tamén o seu espectáculo máis recente, Hospital de Campo, unha obra que aborda, dende códigos de humor e ironía, temas relacionados coa enfermidade e a curación, e que poderá verse o sábado 19 de xullo no Auditorio do Castelo.
A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño. A MIT contará un ano máis co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios.