in , , ,

A 42ª MIT de Ribadavia entrega hoxe o Premio de Honra e o Premio Abrente

A Paula Carballeira e a Alberto Ramos, respectivamente

Xurado Premio Abrente 2026 MIT Ribadavia Rosiña Rojo
O xurado do Premio Abrente 2026. Foto de Rosiña Rojo.

“En recoñecemento á súa traxectoria artística e á súa valiosa contribución á escena galega” quixo a Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia entregar a Paula Carballeira o seu Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño desta edición. Escritora, actriz, directora teatral, dramaturga e narradora oral, Paula Carballeira dedícase profesionalmente ás artes escénicas desde 1994. É autora de numerosos libros de teatro, narrativa, poesía e ensaio, traducidos a varios idiomas. Ademais de colaborar en múltiples proxectos, forma parte da compañía Berrobambán dende 1996. A súa traxectoria ten sido merecedora de premios destacados como o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, o Premio Follas Novas na categoría de Teatro no 2023 e no 2024, o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018, o Premio María Casares 2025 na categoría de Adaptación de texto dramático, entre outras distincións.

Ademais, o xurado do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais, formado por Lucía Aldao, Carlos Álvarez-Ossorio e María Ángeles Iglesias Lopardo, decidiu por maioría que o texto gañador fose Por unanimidade, que resultou ser de Alberto Ramos. A acta de resolución recolleu a seguinte motivación: “Por ser un texto humorístico con personaxes moi ben deseñados e un ton irónico intelixente, cun ritmo áxil no que destaca a capacidade de construir diálogos a seis voces. O texto introduce cuestións de actualidade e cunha base de crítica política cara o contexto cultural que axuda, a través do humor, a reflexionar sobre a propia natureza dos premios e as súas problemáticas, que ademais constrúe unha situación extrapolable a outras reunións ou encontros entre grupos de persoas que precisan chegar a acordos dende posicións diversas.”

O Premio Abrente ao longo das súas edicións, serviu de apoio e voceiro a numerosas dramaturgas e dramaturgos con moi diversa traxectoria e experiencia, dende valores emerxentes a figuras xa consolidadas. Así dende a súa primeira edición no ano 2006 deixaron a súa pegada neste premio: Roberto Salgueiro, Antonio Yáñez Casal, Carlos Losada, Manuel Lourenzo, Vanesa Sotelo, Fran Godón, Fernando Epelde, Esther Carrodeguas, Ernesto Is e Xandra Táboas, Roi Vidal, Avelina Pérez, José Luis Baños de Cos, Marcos Abalde, Ernesto Is, Ana Abad de Larriva, Nerea Brey, o propio Alberto Ramos e Isa Fernández.

A entrega dos dous galardóns realizarase hoxe dentro da programación da MIT, a partir das 12:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.

Tres espectáculos internacionais

Ademais da entrega de premios,  son tres propostas internacionais as que ocuparán hoxe, venres, penúltima xornada desta edición do festival, distintos espazos da vila para ofrecer ao público unha nova oportunidade de descubrir algunhas das voces máis singulares da escena contemporánea.

A programación da tarde abrirase ás 20:00 horas na Igrexa da Madalena con Jérôme Bel, a emblemática performance do creador francés reinterpretada en galego pola artista María Roja. Coproducida coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, a peza propón un percorrido pola traxectoria dun dos coreógrafos máis influentes da danza contemporánea ao tempo que reflexiona sobre a propia práctica artística, a representación e o papel do intérprete.

Ás 21:00 horas, Santo Domingo converterase no escenario de Estudo para unha atracción, da coreógrafa Poliana Lima. A proposta afonda na investigación do movemento e na relación entre os corpos e o espazo público, convidando o público a asistir a unha experiencia escénica construída desde a observación, a presenza e o encontro.

Como peche da xornada, ás 23:00 horas, o Castelo acollerá José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983, do Teatro Experimental do Porto, en coprodución con outras entidades portuguesas e co Centro Dramático Galego (CDG). O espectáculo recupera o histórico concerto de Zeca Afonso celebrado nos Coliseus de Lisboa e Porto en 1983, mais faino desde unha mirada contemporánea que entrelaza teatro, música, performance e poesía. Lonxe de reconstruír aquel recital, a montaxe propón unha reinterpretación libre e emocional do legado dunha das figuras fundamentais da música portuguesa e da historia cultural da Península.

A MIT, que organiza o Concello de Ribadavia, conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.

O festival

A MIT, que organiza o Concello de Ribadavia, conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

La Mouette. Foto: Théâtre Studio

LA MOUETTE de Anton Tchekhov