in , ,

A MIT de Ribadavia clausura hoxe a súa 42ª edición

Con tres espectáculos moi diferentes protagonizados por creadoras de Galicia, Andalucía e Canarias

'Roland mon amour' de Cris Balboa. Foto_Rocío Cibes
'Roland mon amour' de Cris Balboa. Foto: Rocío Cibes.

Tras nove días nos que a creación contemporánea volveu percorrer os escenarios, as rúas, as prazas e as parroquias da vila, a Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia celebra hoxe, 25 de xullo, a última xornada da súa 42ª edición. A programación manterá a diversidade que atravesou todo o programa e reunirá teatro, música, circo contemporáneo, danza, artes vivas e investigación arredor do corpo.

Será unha despedida construída desde tres linguaxes escénicas moi diferentes e protagonizada por creadoras de Galicia, Andalucía e Canarias. Do relato autobiográfico e musical de Cris Balboa á poesía física de Proyecto Tránsito e á exploración identitaria de Paula Quintana, a programación de hoxe fará un percorrido que vai da palabra ao movemento e do íntimo ao colectivo.

A actividade comezou xa esta mañá, ás 11.00 horas, no Club Artístico, coa última sesión do obradoiro impartido pola coreógrafa e bailarina Poliana Lima. Este encontro pecha o espazo de formación e investigación corporal desenvolvido durante os últimos días, prolongando unha das liñas fundamentais desta edición: a MIT como lugar non só de exhibición, senón tamén de aprendizaxe, acompañamento e intercambio entre creadoras e participantes.

Roland Mon Amour

Pola tarde, ás 19.30 horas, o Auditorio Manuel María da Casa da Cultura acollerá Roland Mon Amour, de Cris Balboa. Definida como un “monodrama de desexo e música”, a peza sitúa a creadora soa en escena, acompañada polo seu sintetizador, para construír unha proposta na que conviven palabra, acción, música, danza, audiovisual e humor.

“Balboa parte da experiencia autobiográfica e do absurdo cotián para achegarse a cuestións colectivas como o desexo, a identidade, a fraxilidade ou as contradicións contemporáneas. A súa escrita escénica móvese entre a confesión, a ironía e a performance, facendo da exposición persoal un territorio desde o que recoñecer inseguridades, fantasías e formas de estar no mundo que tamén pertencen ao público”, sinala a MIT arredor da montaxe, que é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, Cris Balboa e o Centro Dramático Galego.

361º

Ás 21.00 horas, a programación trasladarase á Alameda, onde a compañía andaluza Proyecto Tránsito presentará 361º, unha creación de circo contemporáneo e teatro físico para todos os públicos, sen texto, que mestura hula hoops, danza butoh, imaxes visuais e poesía escénica.

A peza toma como punto de partida a pareidolia —a tendencia a recoñecer formas coñecidas en imaxes aparentemente aleatorias— e a teoría do caos para propoñer unha reflexión sobre a vida como fluxo de acontecementos e lembranzas en movemento. Sen seguir unha narrativa lineal, 361º constrúe “un universo de saltos, transformacións e xiros inesperados no que o circo pode parecer danza, instalación, teatro ou poema sen chegar a ser completamente ningunha destas cousas”. Creada pola compañía sevillana fundada por Clara Reina e Ana Donoso Mora, a proposta recibiu o Premio á Mellor Investigación Circense en FETEN 2023 e o Segundo Premio Panorama en Circada 2022, ademais de ser seleccionada para Platea e o Catálogo Circo a Escena. 

Atlas de anatomía

A clausura artística chegará ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo coa estrea en Galicia de Atlas de anatomía, da creadora, coreógrafa e intérprete canaria Paula Quintana. A obra propón “unha investigación arredor dun corpo que se cuestiona ante todo aquilo que aprendeu que debía ser e ante o lugar que supostamente lle correspondía ocupar”.

A través da danza, as artes vivas e a música, Quintana explora “unha identidade que nunca parece suficientemente unha cousa e que, ao mesmo tempo, é considerada demasiado outra”. A peza busca “permitir a convivencia entre o herdado e o mestizo, entre as raíces e as novas posibilidades de ser, reivindicando unha identidade diversa e complexa que non precisa resolverse nunha forma única”. Sen texto e cunha duración de 55 minutos, Atlas de anatomía “combina a investigación intelectual coa experiencia sensorial e sitúa o corpo como arquivo, conflito e territorio en transformación”. A montaxe chega á MIT tras recibir o Premio Réplica ao Mellor Espectáculo de Danza 2025 e o Premio Réplica ao Mellor Espazo Sonoro 2025.

Con esta última xornada, a Mostra pechará unha edición que quixo que estivese “atravesada pola idea da cita, do eco e da reverberación: o encontro como espazo para compartir relatos, desexos, e memorias, e a escena como lugar desde o que exercitar a escoita, o pensamento crítico e a convivencia coa diferenza”.

O festival

A MIT, que organiza o Concello de Ribadavia, conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xurado Premio Abrente 2026 MIT Ribadavia Rosiña Rojo

A 42ª MIT de Ribadavia entrega hoxe o Premio de Honra e o Premio Abrente