Unha das citas culturais ineludibles do verán galego inaugura hoxe a súa 42ª edición. A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, converterase dende esta tarde de novo nun punto de encontro para creadoras, compañías e público chegado de dentro e fóra de Galicia. Durante nove días, a MIT volverá facer dialogar teatro, danza, performance e creación contemporánea nunha programación que este ano quere abordar cuestións como “a memoria democrática, os coidados, a identidade, o territorio, a música ou os corpos desde unha mirada crítica e profundamente conectada co presente”, segundo se puxo en valor dende o propio festival.
A xornada de hoxe, de apertura, propón xa un percorrido polos grandes temas desta edición. Ás 19.00 horas, a Igrexa da Madalena acollerá a lectura performativa de O Miradoiro, de Alomais Teatro, texto gañador do XX Premio Abrente, que convida a reflexionar sobre a condición humana, a vulnerabilidade e a necesidade de construír comunidade. Media hora máis tarde celebrarase, no mesmo espazo, o acto oficial de inauguración da Mostra.
Ás 21.00 horas, a Praza Maior converterase nun escenario ao aire libre para recibir El bolero, da compañía vasca Altraste Danza, unha proposta que explora a capacidade do movemento para crear vínculos entre intérpretes e espectadores.
Por último, o peche da xornada chegará ás 23.00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo con ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), a nova creación de Chévere. A compañía parte do histórico cadro de Castelao para preguntarse como se constrúe a memoria colectiva, que historias permanecen e cales corren o risco de desaparecer. É un espectáculo que conecta directamente cun dos grandes eixes da MIT deste ano: “a memoria como ferramenta para comprender o presente”.
A primeira fin de semana
Mañá, sábado, a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro abrirá unha xornada na que convivirán a investigación escénica de Zoombies, a reflexión ecolóxica de Colapso e Mercedes máis eu, o encontro artístico entre Janet Novás e Mercedes Peón, que une danza, música e memoria e que se verá nesta MIT por última vez.
O domingo, a palabra e a dramaturxia galega tomarán protagonismo coa presentación de O Miradoiro e unha conversa sobre a edición e a difusión da dramaturxia galega, moderada por Ana Abad de Larriva, autora, creadora escénica e subdirectora da erregueté, na que participarán Xosé Lois Vázquez, de Difusora de Letras, Artes e Ideas; Julio Fer, de Ediciones Invasoras; Paco Macías, de Edicións Positivas, e Sabela Mendoza, directora da MIT.
Pola tarde e pola noite, a MIT acollerá as representacións de Berenguela na gaiola, unha coprodución entre Galeatro, Xarope Tulú, o CDG e o FIOT de Carballo; e Hospital de Campo, da compañía catalá Societat Doctor Alonso, unha proposta que afonda na vulnerabilidade e nos coidados desde unha singular investigación sobre o corpo.
Esta edición da MIT amosará o traballo de compañías chegadas de Galicia, Portugal, Euskadi, Cataluña, Madrid, Andalucía, Canarias e México, nun ano no que volve contar co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios.
Podes consultar e descargar aquí o programa completo da 42ª edición da MIT de Ribadavia.



