in

A nova edición de Camiño Escena Norte chegará a nove localidades galegas

Entre o 18 de setembro e o 15 de novembro

Presentación CEN 2026 Foto de Miguel Lamas
Unha escena de 'Voo', de Teatro O Cubo, na presentación de CEN 2026. Foto de Miguel Lamas.

O programa de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa Camiño Escena Norte (CEN), celebrará unha nova edición entre o 18 de setembro e o 15 de novembro. Serán un total de nove municipios galegos das provincias da Coruña e Lugo os que acollan as funcións dentro da comunidade autónoma. Concretamente, as representacións do Itinerario Constelacións terán lugar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo.

O público galego poderá gozar de propostas variadas que abranguen desde o teatro para adultos e familiar ata o ilusionismo e novas linguaxes escénicas, nunha edición que, baixo o lema Latexos Escénicos, “vincula o proxecto coas artes vivas, o tempo e a enerxía compartida”.

A axenda de representacións abrirase en Foz (26 de setembro) e Sarria (27 de setembro) con Juana I de Castilla, da compañía rioxana Nueve Lunas Teatro; unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes (10 de outubro) presentarase 52 Herciosde Ados Teatroa (Euskadi), unha mirada coral sobre a soidade non desexada que parte dunha orixinal metáfora: “o canto dunha balea que, ao emitirse a 52 hertzs, queda fóra da frecuencia habitual da súa especie”.

Os monicreques e o teatro familiar terán o seu espazo en Negreira (16 de outubro) e Arzúa (30 de outubro) con El gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil que leva á escena a compañía asturiana El Callejón del Gato.

Pola súa banda, en Lugo (17 de outubro) e Santiago de Compostela (18 de outubro) poderase ver La balada del norte,a adaptación escénica da novela gráfica de Alfonso Zapico a cargo de Saltantes Teatro (Asturias), que aborda “a memoria e o conflito de clases arredor da Revolución de 1934”.

En Ribadeo (25 de outubro) haberá unha dobre función de3 Elementos,un espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial apto para todos os públicos, creado pola compañía navarra Hodei. Finalmente, as funcións de CEN en Galicia pecharanse en Vimianzo o 30 de outubro coa representación de ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa, “unha profunda dramaturxia sobre as presións que recaen na infancia e as fendas que se abren nunha sociedade excesivamente esixente”.

Mentres o público de Galicia recibe as propostas procedentes dos demais territorios, as tres compañías seleccionadas para representar as artes escénicas galegas fóra da comunidade xirarán polos outros territorios participantes. Serán Ártika Cía con Non pasarán; Teatro de Ningures con As gardiás, ou o nó do tecelán (Premio da Crítica de Galicia 2025); e Teatro O Cubo, coa súa produción Vooda que se puido ver unha escena esta mañá na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, durante a presentación do programa.

As tres compañías galegas levarán as súas propostas a Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Concretamente, entre setembro e novembro, Ártika Cía actuará en Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); mentres que Teatro de Ningures estará en Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias). Pola súa banda, Teatro O Cubo actuará en Zarautz (Euskadi), Xixón -no marco do festival Danza Xixón- e Sopela (Euskadi).

Funcións en Galicia

  • 26.09.2026, 19:30 h | Foz. Sala Bahía. Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).
  • 27.09.2026, 20:00 h | Sarria. Casa de Cultura. Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).
  • 10.10.2026, 20:00 h | Outes. Auditorio Casa da Cultura. 52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi).
  •  16.10.2026, 19:00 h | Negreira. Auditorio Eanes do Cotón. El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias).
  • 17.10.2026, 20:30 h | Lugo. Auditorio Municipal Gustavo Freire. La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias).
  • 18.10.2026, 18:00 h | Santiago de Compostela. Salón Teatro. La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias).
  • 25.10.2026, 19:30 h e 20:30 h | Ribadeo. Auditorio Hernán Naval. 3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, de Hodei (Navarra).
  • 30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela. El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias).
  • 30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal. ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi).
Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible para consulta na súa web oficial, espazo no que tamén se pode consultar e descargar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha ferramenta que funciona como selo de calidade e de promoción e apoio ás propostas escénicas dos seis territorios participantes. O catálogo inclúe 36 espectáculos, dos cales 18 son parte do Itinerario Constelacións.

O proxecto

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa busca amosar parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos dramatúrxicos

O Club Clavicémbalo acolle unha nova entrega dos Microefectos Dramatúrxicos