in

O amor dos infelizes

c2a9tuna tnsj milhomensdos 3115 |

O gran argumento do mundo

| Camilo Franco |

©TUNA_TNSJ-MILhomensDOS-3115

 

Por moi altos que sexamos, sempre hai alguén nos mira desde arriba. Por moi obvia que sexa unha circunstancia, sempre haberá quen a negue, Por moi claro que a historia e a estatística afirme a nosa animalidade, sempre haberá quen manipule as conclusións pola vía do mal menor. Porque ao cabo os prexuízos, a moral, as opinións e as normas só son a versión xustificable dos intereses. Os intereses, o gran argumento do mundo.

Quizais os felices estean a favor de proclamar o amor dos infelices, de especular sobre o seu comportamento e de tentar igual pola vía do discurso o que non se pode igualar pola vía dos feitos. Como sucede coa riqueza: Se unha persoa é rica e outra pobre, a estatística acaba por dicir que os dous son ricos. Se hai felicidade na infelicidade para que queredes saír de aí?

Publicidade

O amor dos infelizes é unha obra de tese. Sobre os autoenganos, sobre a posición moral e sobre a fachada moral que cobre todo o resto de comportamentos. Sobre a distancia dos comportamentos individuais e colectivos. É unha obra de tese, pero non se comporta como tal. É estupendo que, en ocasións, as aparencias enganen. É unha obra narrativa, pero isto tampouco se deixa notar.

O monólogo ilustrado que quere contar a vida dunha aldea cunha anana dentro demostra que a misericordia e o rexeitamento son, en realidade, dúas caras da mesma superioridade moral. A mesma demostración de clase superior. Teatro Bruto non quere que o espectador se sinta clase superior: xoga levemente con el para eliminar os remansos do monólogo e para explicar que o acto de contar unha historia non é a historia mesma. Aplícase á tarefa de contar a historia de Valter Hugo Mãe recollendo a súa intención, pero sen levala a interpretar os personaxes: interpreta a narración desa historia, asumindo que o acto de contar forma parte da narración. A compañía prefire as palabras claras e as alusións lixeiras. Xoga cos tamaños, como se xoga coa perspectiva. Con delicadeza e sen alardes.

A historia é brutalmente sarcástica, sen ánimo de calquera amabilidade que non sexa certa candidez no contar que non é máis que outra trampa para quen escoita. Pero ese candor irónico forma parte da linguaxe máis que do ambiente da obra. En realidade, a montaxe non quere a piedade do espectador para a súa protagonista nin tampouco que entenda a piedade dos habitantes desa aldea como un síntoma de bondade. NIn o contrario. Cada quen está no seu sitio. O resto son os intereses. Os espectadores só deben descubrir cales son os seus.

 

O amor dos infelizes, de Teatro Bruto, a partir do texto de Valter Hugo Mãe
Dirección e adaptación: Ana Luena
Elenco: Margarida Gonçalves
Música original: Peixe
Desenho de luz: Rui Monteiro

Salón Teatro. Santiago de Compostela. Xoves, 22 de xaneiro.

 
 
 
 
 
 
 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

346 |

Selección natural

elnombredelarosa |

El nombre de la rosa