Crítica

A galiña azul

A inocencia e a inxenuidade

| Manuel Xestoso |

 
Non é o mesmo a inocencia que a inxenuidade. Contar dende a inxenuidade lévanos a ignorar o conflito; contar dende a inocencia significa enfrontar o conflito cuns ollos despoxados de prexuízos. E de prexuízos fala A galiña azul: dende unha inocencia que linda co candor da infancia pero que ten un pé posto na realidade que nos arrodea. Só que o serio do asunto que trata móstrase espido das prevencións coas que habitualmente nos atopamos ante el.

A pedagoxía non abonda para facer teatro. O conto de Carlos Casares fala de tolerancia, de comprensión, de aceptación do outro; pero non debemos caer no erro de xulgar a obra pola súa mensaxe, se non polo xeito con que se conta a historia que nos leva a pensar sobre ela. E o talento combinado de Casares, de Cándido Pazó e de Tanxarina logra que esquezamos a finalidade didáctica do relato para centrarnos nunhas peripecias que nos conducen con naturalidade a solidarizarámonos con ese ser diferente que, ao cabo, resulta ser igual ca nós.

Hai unha cordialidade en A galiña azul que provoca que mesmo os personaxes máis negativos sexan visto con ollos condescendentes. E mais tamén hai a suficiente picardía como para que un gobernante con ganas de amolar aos máis indefensos nos lembre a Donald Trump. Nese xogo entre a candidez e o realismo constrúese unha narración que recorre ao sentimento e ao humor para invitarnos a pensar sobre a presunta neutralidade das fábulas infantís.

Unha gran parte do encanto débeselle á experiencia e á habelencia de Tanxarina. A feitura dos bonecos, a destreza na súa manipulación e a sabedoría á hora de mesturalos cos actores de carne e óso son os responsables de que sexan uns personaxes virtuosamente debuxados os que nos guíen a través do conto, de que todo transcorra cunha naturalidade afastada de calquera estridencia efectista. O policía medio parrulo, o filósofo tolitates que nunca falta en ningunha vila, o político oportunista: todos debuxan un perímetro recoñecible no que nos sentimos cómodos e, ao tempo, expectantes. Non é tanto costumismo como a demostración de que o que nos é familiar sempre pode deparar unha suspensión de ánimo: un triunfo dos contadores de historias.

E logo está ese humor retranqueiro que forma parte da nosa forma de contar e que poderiamos apoñerllo por igual á bagaxe de Pazó, de Tatán ou do mesmo Casares. As historias contadas dende aquí –inxenuas ou inocentes– sempre contan con que o público xa se vai adiantar e vai saber xulgar a intención e a aptitude do contador. Non se pode menos que sospeitar que ese respecto pola intelixencia do auditorio é o que fai o espectáculo deleite por igual a menores e a adultos. O público da estrea, cando menos, aplaudiu sen restrición ningunha o traballo e o talento que se exhibiron sobre a escena.

 
A galiña azul, de Carlos Casares.
Dirección: Cándido Pazó.
Compañía: Tanxarina.
Elenco: Miguel Borines Fernández, Adrés Giráldez Rio e Eduardo R. Cunha “Tatán”.
Escenografías e creación de bonecos: Pablo Giráldez “Pastor“ – Tanxarina.

Estrea na Mostra de Teatro de Cangas. Auditorio Municipal, 5 de xullo de 2017.

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 7-07-2017.

 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos