in

Josito Porto substituirá a Evaristo Calvo en ‘Cranios privilexiados’

MofaeBefaCranios |

Mofa & Befa anunciou na súa páxina de Facebook que Evaristo Calvo deixa temporalmente o popular dúo debido a un proxecto profesional que se desenvolverá fóra das nosas fronteiras e que, xa que logo, non pode compatibilizar coa actual xira de Cranios privilexiados. O seu lugar durante o percurso da obra será ocupado por Josito Porto.

Josito Porto é un actor de longa experiencia e de gran popularidade entre o público. Comezou a facer teatro a principios da década de 1980 e, dende aquela, traballou con numerosas compañías, destacando nos últimos anos o traballo realizado coa compañía Sarabela (Ensaio sobre a cegueira, A viaxe a ningunha parte, O incerto señor Don Hamlet, Sexismunda…), Teatro do Adro (As Mil Vidas de Matías Houseman, Ai Carmela!…) ou Emedous (O florido pénsil), entre outros. Tamén se fixo moi popular polos seus papeis en series de televisión como Pratos combinados, Mareas vivas ou Galicia Express, e no cinema (Branca Madison, Lena, O lapis do carpinteiro…). Nomeado máis dunha ducia de veces para os premios María Casares, gañouno dúas veces como mellor actor protagonista por As Mil Vidas de Matías Houseman e Nano, e un como mellor actor secundario por Sexismunda.

Porto vén de traballar con Producións Teatrais Excéntricas –a produtora que dá cobertura a Mofa & Befa– en A cabeza do dragón, labor polo que foi nomeado para os María Casares deste ano na categoría de Mellor Actor Secundario, nomeación que comparte con quen será o seu compañeiro en Cranios privilexiados, Víctor Mosqueira.

 


Publicidade

No entanto, Mofa & Befa anuncia as próximas funcións de Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira e que, polo de agora, son as seguintes:

 

  • 10 de marzo no Auditorio Municipal do Concello do Carballiño.
  • 17 de marzo na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo.
  • 13 de abril no Teatro Colon da Coruña
  • 21 de abril na Casa da Cultura do Concello de Melide
  • 22 de abril na Casa da Cultura de Bandeira
  • 05 de maio no Auditorio De Rianxo
  • 11 de maio no Auditorio do Burela
  • 02 de agosto no Cine Auditorio Municipal da Illa de Arousa
  • 20 de agosto na IV Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee
  • 02 de setembro no Auditorio do Concello de Salceda de Caselas
  • 06 de outubro na XXXI Edición dos Circuitos Teatráis de Concello de Moaña
  • 12 de outubro no Auditorio Municipal do Concello Riveira
  • 26 de outubro na Casa da Cultura do Concello de Allariz
  • 11 de novembro no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal
  • 22 de decembro no Padroado de Cultura Concello de Narón

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EroskiParaiso 00475 |

Chévere remata a xira de Eroski Paraiso en Sevilla

WintersTaleROH |

Shakespeare en directo en cinemas