Este sábado 30, ás 19:00h, terá lugar no Bar Liceum do Porriño o acto de entrega do premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, do que resultou gañador, a principios de xuño, Fernando Castro Paredes coa súa obra A derradeira bala.
Ademais do gañador, intervirán no acto Francisco Castro, director xeral de Galaxia, e Delio García, profesor do IES Ribeira do Louro. Dará lectura á acta do xurado Raquel Castro. A música porana Fernando Abreu e David Barros.
Un xurado composto por Esther F. Carrodeguas, Roi Vidal, Paula Carballeira e Manuel Núñez Singala, polo profesor Delio García Represas, e coa tamén dramaturga Raquel Castro como secretaria con voz pero sen voto, destacou da obra gañadora a habilidade coa que o autor trata temas como o amor e a guerra dunha maneira lúdica e sinxela. Levando a cabo un tratamento do absurdo dos conflitos bélicos dende o propio absurdo. A obra pon de relevo a necesidade de enfrontarmos conflitos morais e tomar decisións complexas. En canto á linguaxe destacan a ironía e o humor así como o coidado da dimensión poética.
O Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, nacido neste mesmo ano, está convocado pola Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro, ten como finalidade animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa coleccións Costa Oeste nunha aposta decidida pola dramaturxia na nosa lingua.
GIPHY App Key not set. Please check settings