in

‘Commedia’ volve a Compostela 25 anos despois

commedia025 |

Commedia volve a ser posta en escena 25 anos despois do éxito da súa estrea. Con boa parte do equipo creativo orixinal e agardando repetir o favor do público, a obra estará no Teatro Principal do 5 ao 8 de setembro.

En 1993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a compañía Ollomoltranvía estreaba Commedia. Un xoguete para Goldoni, un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Daquela fixéronse máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia, con recoñecementos como os Premios Compostela 93 á mellor dirección, mellor actor e mellor espectáculo, o Premi da Crítica del País Valenciá ou o Premio da Asociación Independiente de Teatro de Alicante.

Hoxe, 25 anos despois, e repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisítase aquela experiencia, celébrase aquela festa teatral. A dramaturxia e a dirección da obra corre de novo a cargo de Cándido Pazó e da súa interpretación encárganse Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi e Sergio Zearreta.

Segundo explica o seu director –hai 25 anos e hoxe-, Cándido Pazó, “trátase da mesma peza cunha realización plástica redefinida, un tratamento musical reelaborado, unha actuación reestilizada, pero co mesmo concepto fundamental: xogar a facer commedia dell’arte para divertirnos e divertir”.

 

Con perspectiva temporal

Subliña Cándido Pazó que “un sistema teatral non se pode considerar maduro mentres non teña media ducia de éxitos que revisitar e perspectiva temporal para valoralos”. Porque o teatro non se pode enlatar. É ao vivo ou non é. E a única maneira de que as novas xeracións poidan vivir, e as non tan novas revivir, eses vellos acertos, é levándoos de novo ás táboas.


Publicidade

Neste sentido, o director e dramaturgo considera que Commedia fai parte desa media ducia de éxitos históricos. “E se en 1993 queriamos homenaxear ao gran comediógrafo Carlo Goldoni no 200 aniversario da súa morte, 25 anos despois a homenaxe é para as vidas, profesionais e humanas, de todas as xentes de todos os oficios escénicos que ao longo do tempo botaron a andar e afianzaron o noso teatro”, engade.

 

Un xoguete para o público
En 1993, Commedia levaba por subtítulo “Un xoguete para Goldoni”. 25 anos despois segue querendo ser un xoguete… para o público. Un exercicio de xénero que se xustifica por unha razón que o condiciona todo: a razón lúdica. Como corresponde a un espectáculo de commedia dell’arte.

Neste sentido, Pazó explica que “para facer este tipo de espectáculos precísase un tipo de actor que era bastante común nos séculos XVI, XVII o XVII, pero que hoxe xa non o é tanto, ese que sabía ser un pouquiño músico, un pouquiño bailarín, un pouquiño acróbata e un moito comediante. Atopar, modelar e modular este tipo de actor foi unha das nosas principais preocupacións”.

En Commedia, a música é executada en directo polos actores. Unha música baseada en melodías orixinais compostas a partir de ritmos tradicionais renacentistas ou barrocos. Cada figura ten unha melodía e un ritmo distintivos, constituíndo unha forma de expresión tan definitoria dos personaxes de Commedia coma o traballo físico ou o textual.

 

Foto: Rosinha Rojo

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NinaSantes |

O Museu como Performance na Serralves do Porto

RioBravo031 |

O Río Bravo de Chévere, Premio do Público en Cariño