O vindeiro venres 28, ás 20:00, a Libraría Pedreira de Compostela inicia un novo proxecto baixo o título “Venres de Teatro”, no que colaboran con artistas de diversa índole da literatura e das artes escénicas, con representacións e lecturas dramatizadas, co fin de ofrecerlles un pequeno espazo onde poidan amosar as súas propostas.
Esta primeira edición comezará coa representación de O valo de Carlos Labraña, un texto que propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades coa guerra de Siria como pano de fondo.
Carlos Labraña é un autor ben coñecido polo seu teatro familiar, con títulos como O teatro dos soños, Os sons da buguina (II Premio Meira Moiga de Literatura infanto-xuvenil no 2006), A pequena compaña (VIII Premio Estornela de teatro para nenos, 2014) ou Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada (Premio á mellor obra de teatro da Gala do Libro Galego no 2017).
O valo foi a obra galardoada co X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2016.
- A MITCFC desvela as datas e o programa completo da súa 43ª edición - 09/05/2026
- O FIOT convoca a décima edición do Certame Metro Cadrado - 04/05/2026
- PAM convida a celebrar o Día da Danza - 28/04/2026



