in

Rolda Internacional: 6 / 10 / 2018

RichterAmKönigsweg |
Na imaxe: unha escena de Am Königsweg, de Elfriede Jelinek, dirixida por Falk Richter. Foto: Arno Declair.

 

A controvertida obra de Robert Lepage, Kanata, será producida polo Théâtre du Soleil en París. A produción, que trata sobre as relacións entre as nacións indíxenas e os colonos de Canadá, foi criticada e denunciada por apropiación cultural e pola falta de artistas indíxenas nela. A compañía de Lepage en Montreal, Ex Machina, cancelou a produción logo de tensas reunións en xuño con membros da comunidade indíxena e despois da retirada dos coprodutores. Theatre du Soleil posteriormente cancelou a súa propia produción, pero agora ignora as denuncias dos indíxenas e afirma que quere que o público xulgue por si mesmo. Lepage dirixirá o espectáculo de xeito gratuíto.


 

Antigos empregados da compañía de Jan Fabre Troubleyn, con base en Antuerpe, acusaron ao director e artista belga de sexismo, bullying e doutros abusos de poder, e denunciaron a complicidade do teatro nestes abusos. Nunha carta aberta titulada “Carta aberta: #metoo e Troubleyn / Jan Fabre”, publicada pola revista belga de artes Rekto:verso, vinte persoas –principalmente mulleres bailarinas– contan incidentes dende finais dos anos 90 ata o presente, que inclúen humillación verbal, sesións de fotos “secretas” de alto contido sexual, e ameazas de reducir os papeis nas producións en caso de se negaren.

O Troubleyn respondeu coa súa propia carta aberta na que denuncia as acusacións como “insinuacións dolorosas” e afirma que chamou ao Instituto para a Igualdade entre Homes e Mulleres para establecer un método de mediación fiable fóra da órbita dos medios de comunicación. A fiscalía de Antuerpe e o Goberno belga anunciaron que investigarán os feitos denunciados.


 

Al Pacino aparecerá nos escenarios de Francia: no Théâtre de Paris, o 22 e o 23 de outubro. As dúas sesións de An Evening With Al Pacino marcan a primeira vez que o actor estadounidense actúa en París. Pacino, fanático de Moliere e Chekhov, interpretará grandes éxitos da súa carreira como actor, que inclúe The Godfather e Richard III, xunto con comentarios sobre como a súa vida foi formándose arredor do seu traballo.


 

Unha xira da produción de Un enemigo do pobo da Schaubuhne de Berlín foi cancelada en China. A produción da obra de Ibsen, dirixida por Thomas Ostermeier, foi suspendida despois das actuacións no Centro Nacional de Artes Escénicas de Pekín. A produción inclúe unha escena na que o elenco interactúa co público, e nas funcións de Pequín orixinou críticas ao goberno chinés. Tras unha solicitude oficial para que eliminasen a escena, a compañía eliminou o diálogo, pero mantivo un período de silencio de dous minutos no seu lugar.

As autoridades chinesas, porén, alegaron problemas técnicos para a continuación do tour, que debería seguir en Nanjing.


 

Falk Richter foi nomeado director do ano por Am Königsweg, de Elfriede Jelinek, unha peza sobre Donald Trump montada pola Schauspielhaus Hamburg. 43 críticos de teatro de Alemaña, Austria e Suíza, invitados pola revista Theater heute formaron o xurado que escolleu a Richter. A produción de Am Königsweg recibiu outros catro premios, un número de galardóns que ningunha outra montaxe recibira antes.

Am Königsweg estará no Deutsches Schauspielhaus de Hamburgo o 31 de outubro e o 22 de novembro, e no Odeon de París do 20 ao 24 de febreiro de 2019.


Publicidade


 

O director suízo Christoph Marthaler recibiu o International Ibsen Award 2018. Considerado o mais cobizado e o mellor remunerado premio internacional de artes escénicas, o Ibsen Award concede máis de 250.000 euros a cada vencedor. Antes de Marthaler, o Ibsen agraciou nomes fundamentais do teatro mundial, como Peter Brook (2008), Ariane Mnouchkine (2009), Jon Fosse (2010), Heiner Goebbels (2012), Peter Handke (2014) ou Forced Entertainment (2016).

Em 2018, Marthaler completou 38 anos de carreira e atinxiu a marca de 100 creacións teatrais, coa estrea de Uberman or love visits, inspirada no Supermacho de Alfred Jarry. A partir deste ano, Marthaler é tamén o novo director artístico da trienal de artes Ruhrtriennale (2018—2020), que foi dirixida, entre 2012 e 2014, por outro vencedor do Ibsen, o alemán Heiner Goebbels.


 

Descubertos documentos inéditos sobre as liortas legais do pai de Shakespeare que deitan luz sobre a súa mocidade. Varios detalles da vida temperá do autor foran recollidos previamente nos rexistros da carreira de John Shakespeare –o pai do dramaturgo–, grazas a uns manuscritos que revelaban que fora acusado de falsificación de documentos por informadores profesionais, entre 1569 e 1572. Os estudosos asumiran que os casos foran resoltos fóra dos tribunais cara a 1573, pero os documentos agora atopados por Glyn Parry, da Universidade de Roehampton, demostran que John tivo problemas financeiros e xurídicos ata o 1583, cando William tiña 19 anos.

Os documentos conectan a familia de Shakespeare co que Parry chama “un escándalo nacional: o uso de informadores para facer cumprir a lexislación económica e social”. Os informadores profesionais formaban parte dun sistema corrupto que enriqueceu á Raíña e aos seus cortesáns. O pai do dramaturgo foi, daquela, asediado durante un longo período de tempo por eses informadores da Coroa, o que, segundo os investigadores, puido influenciar a súa actitude ante o poder e as clases sociais.


 

Catorce dramaturgos e directores británicos criticaron duramente o bombardeo dun importante centro cultural na Franxa de Gaza pola forza aérea israelí, chamándoo “unha perda devastadora para a xa illada comunidade de Gaza”. Figuras da importancia de Rufus Norris ou Caryl Churchill, condenaron a “destrución total” do Centro de Cultura Said al-Mishal.

O edificio foi bombardeado en agosto durante unha escalada de violencia, durante a cal Israel lanzou máis de 150 ataques aéreos sobre Gaza e militantes palestinos dispararon máis de 180 foguetes e disparos de morteiro ao sur de Israel.


 

Este verán faleceron Richard Demarcy, autor e director francés, fundador do Naif Théâtre e do Théâtre de la Commune d’Aubervilliers. Casado coa actriz Teresa Mota e pai do actual director do Théâtre de la Ville de París, Emmanuel Demarcy-Mota, a súa carreira estivo moi ligada a Portugal; Lindsay Kemp, actor, bailarín e director británico. Kemp foi moi popular nas décadas de 1970 e 1980 con espectáculos heterodoxos como Flowers, A Midsummer Night’s Dream, ou Nijinsky, nos que mesturaba teatro, mimo e danza; Neil Simon, autor estadounidense de quen dicían en Broadway que “só Shakespeare escribiu máis obras de exito”. The Odd Couple, Barefoot in the Park, Sweet Charity ou The Sunshine Boys convertéronse en hits internacionais; Paul Taylor, un dos pais da danza moderna e, xunto con Marta Graham e Merce Cunningham, un dos grandes innovadores da coreografía nortemericana. Na actualidade exercía como director artístico da súa propia fundación, dedicada a preservar o legado da danza.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

entreculturas18 |

IX Festival de Teatro Amador “Entreculturas”, en Verín

VallePositivas |

Positivas publica ‘Da avaricia, a luxuria e a morte’, de Valle