Actualidade

I Premio Platta de Teatro Breve en tres linguas

PUBLICIDADE

Co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, convócase o I Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas. O premio estrutúrase ao longo do ano 2019 en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués).

Coincidindo coa celebración do Festival Transfronteirizo en Zamora os días 29, 30 e 31 de marzo, I Premio PLATTA de Teatro Breve de Castilla y León abre o prazo para o envío de obras por parte de todas as persoas interesadas coa única condición de presentaren o traballo en castelán. Continuando coa filosofía da PLATTA e con motivo de nutrir os obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas, o texto gañador será traducido ao galego e ao portugués. O período de admisión de orixinais comeza o 1 de xaneiro e conclúe o 15 de febreiro.

As obras, de temática libre, serán completamente inéditas e terán unha extensión de 5 a 10 páxinas. O material deberá enviarse por correo electrónico a premiosplatta@erreguete.gal en formato pdf (DIN A4, letra Times New Roman 12) e con marxes de 3 cms. (superior e inferior, dereita e esquerda). O texto levará no seu inicio o TÍTULO, que aparecerá tamén no asunto do correo. Do mesmo xeito, noutro correo electrónico que levará como asunto TÍTULO DO TEXTO – AUTORÍA, xuntarase un documento no que figure o TÍTULO DO TEXTO e AUTORÍA (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico).

O texto gañador será levado á escena nos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas que se desenvolven dentro do programa do Festival Transfronteirizo que terá lugar en Zamora en marzo de 2019. A persoa premiada será convidada a asistir ao acto das lecturas, no cal será presentada a súa obra e a súa traxectoria artística. A peza premiada será publicada en castelán, galego e portugués nun caderno da erregueté dentro dunha colección especial dedicada á PLATTA. Cada autor ou autora premiada será agasallado con 15 exemplares do caderno.

O xurado estará formado por un secretario con voz e sen voto designado pola organización e tres persoas relacionadas co mundo teatral. A composición do xurado farase pública no momento de se producir o seu ditame. O xurado actuará en pleno, en sesión única e o seu ditame será inapelable.

O xurado terá de prazo 10 días a contar desde o peche do prazo para comunicar a súa decisión, que se dará a coñecer á prensa e aos premiados.

 

CONSULTA DAS BASES

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!