in

O programa de residencias do CDG acolle a Proxecto Pank con Funboa Escénica

|
O binomio creativo formado por Cristina Balboa e Manuel Parra García porá en escena Masa madre + Sal marina os vindeiros venres 11 e sábado 12, Eso que vi, o domingo 13 e O que segue, o xoves 17.

 

O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, achegaralle ao público tres pezas escénicas asinadas por Proxecto Pank e Funboa Escénica. O Ciclo Pank 2019 arrancará co espectáculo Masa madre + Sal marina, que o binomio creativo formado por Cristina Balboa e Manuel Parra García representará este venres 11 e o sábado 12 de xaneiro, ás 20:30.

O domingo 13, o pano levantarase ás 18:00 h. para Eso que vi, mentres que o xoves 17, ás 20:30, Cristina Balboa compartirá cos espectadores o traballo creativo arredor de O que segue, a súa nova proposta, en proceso de desenvolvemento.

Proxecto Pank + Funboa Escénica é un dos cinco colectivos artísticos que estarán en residencia no Salón Teatro durante esta temporada 2018-2019. A través do seu programa de estadías, o Centro Dramático Galego pon a disposición destas compañías as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas, moitas delas enmarcadas ademais na iniciativa Dramaturxente para o apoio, fomento e promoción das novas dramaturxias galegas.

 

O punk en escena


Publicidade

É o caso de Masa madre + Sal marina, a peza coa que dá comezo o Ciclo Pank esta fin de semana e para a que contaron co apoio do fondo internacional Iberescena a través das súas axudas á creación dramatúrxica e coreográfica. A peza toma o seu título da canción que naceu do encontro entre os seus creadores e intérpretes, no que decidiron que querían facer teatro xuntos. Nas súas palabras, axiña cambiaron de idea para intentar dedicarse á música, compensando a súa falta de talento musical co entusiasmo que lles produce escoitar un “temazo” ou formar parte del, xa que o seu soño compartido é o de ser estrelas do punk.

O domingo será Manuel Parra García quen suba as táboas en solitario con Eso que vi, unha peza escénica para “activarse en público ou lerse en solitario”, que amosa a influencia das imaxes televisivas e do cinema mexicano no corpo do artista exiliado Estanislao Barrientos. Empregando recursos da novela, a crónica, o thriller e a écfrase, Barrientos describe algunhas pasaxes da súa vida en paralelo coa historia do país convulsionado que lle tocou habitar.

Xa a semana que vén, o xoves 17 será Cristina Balboa quen lle achegará ao público compostelán o work in progress de O que segue, proxecto no que a artista comparte as súas fantasías sobre o éxito, que a levan a seguir buscando a idea perfecta para o seu espectáculo.

A entrada para O que segue será gratuíta, previo paso polo despacho de billetes do Salón Teatro. Pola súa banda, os billetes para Masa madre + Sal marina e Eso que vi xa están xa á venda en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) e de 5 euros (tarifa única do Día do Espectador), respectivamente. Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións, onde tamén estará dispoñible un bono de 10 euros para os tres espectáculos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

sumidoiros2 |

A sala Ingrávida convoca Sumidoiros 2018 para persoas en formación e compañías emerxentes

Latristezadelosogros |

O FIOT recolle o Premio da Cultura Galega