in

Tito Asorey e Melania Cruz estrean ‘O empapelado amarelo’ en Ourense

EmpapeladoAmarelo02 |
O vindeiro domingo, 27 de xaneiro, A quinta do cuadrante (Melania Cruz e Tito Asorey) estrea, no Auditorio Municipal de Ourense, o espectáculo O empapelado amarelo, baseado no relato da autora Charlotte Perkins Gilman.

 

O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.

Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro case total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

A autora utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época, privadas de todo tipo de voz pública e pechadas nun sistema que as facía plenamente dependentes dos seus esposos. O empapelado amarelo é unha das mellores mostras da literatura feminista mundial do século XIX, que aínda hoxe é xerme de diversas interpretacións, revisións e novas lecturas por parte de artistas de todo o mundo, dado o seu carácter fundacional, onde a autora constrúe unha personaxe que representa un arquetipo contemporáneo da loita da muller por acadar a liberdade plena.


Publicidade

O espectáculo conta con dramaturxia de Melania Cruz e Tito Asorey, escenografía e iluminación de Laura Iturralde (Tou Pinha), vestiario de Renata Uzal, música de Xavier Bértolo, axudantía de dirección e imaxe gráfica de Lucía Estévez e dirección de Tito Asorey.

Haberá dupla función, ás 18:00 e ás 20:00, cun aforo máximo de 100 persoas cada unha.

O día 7 de febreiro, O empapelado amarelo presentarase no festival Escenas do cambio de Compostela.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NoroesteAvaricia |

“EscenaGZ”, “Territorio Mulleres” e “Memoria Presente”, eixos da programación de Compostela

NordikaRojo |

‘Rojo estándar’ de La Nördika, inaugura os Domingos do Principal de Pontevedra