in

“EscenaGZ”, “Territorio Mulleres” e “Memoria Presente”, eixos da programación de Compostela

NoroesteAvaricia |
Vinte e cinco espectáculos pasarán polo Teatro Principal ou o Auditorio de Galicia neste primeiro semestre do ano.

 

A programación escénica de 2019 de Compostela Cultura está vertebrada en tres eixos temáticos, liñas que se entrecruzan e deseñan itinerarios que se complementan, que mesturan xéneros e discursos escénicos, que nos mostran diferentes puntos de vista e dan boa conta da poliédrica creación escénica de hoxe en día. Son EscenaGZ, que aglutina discursos e compañías consolidadas e proxectos novos e singulares, que teñen cabida nos escenarios compostelás abertos sempre ás/aos creadoras/es do país; Territorio das Mulleres, coas voces femininas da escena actual, un abano de creadoras e intérpretes destacadas; e Memoria Presente, proxectos que afondan no pasado para reconstruír o presente, chamadas de atención para (re)ver a historia con outros puntos vista, para relembrar e reescribir con outra mirada dende un presente máis crítico.

Así, dentro de EscenaGZ poderá verse o traballo de compañías consolidadas e proxectos novos e singulares do noso país: Teatro do Noroeste, Pistacatro, A Berberecheira de Chévere, Matarile Teatro… e a estrea das últimas obras de Voadora, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Teatro e Os Monicreques de Kukas. Ademais, e xa dentro do Compostela Cultura En Familia, estarán as propostas de Xoán Curiel e A Banda do Verán, Caramuxo Teatro ou Elefante Elegante. Nesta sección tamén haberá espectáculos chegados de fóra do país como o Ulises de Gorakada e o Distans de Vol’e Temps.

En canto á programación de danza, o ciclo recolle espectáculos dos catro últimos Premios Nacionais de Danza: Manuel Liñán, Sol Picó, La Intrusa e Daniel Abreu. Tamén estarán La Macana, Fran Sieira, Elahood, Pistacatro, Duelirium e Traspediante con propostas para todos os gustos, partindo dende o tradicional ata chegar ao contemporáneo, pasando polo flamenco ou a danza urbana, así como o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia.

O segundo dos eixos temáticos, Territorio das Mulleres, compila traballos das voces femininas da escena creadoras e interpretes das que podemos citar, entre outras, a Iria Pinheiro, que presenta Anatomía dunha serea no Principal, ou a Lola Herrera, que trae ao Auditorio de Galicia o seu Cinco horas con Mario.

E o último dos eixos é Memoria Presente, que selecciona proxectos que afondan no pasado para reconstruír o presente como La Zanja, de Titzina Teatro; Mundo obrero, de Teatro del Barrio; Cinco horas con Mario, de Pentación, ou Donde el bosque se espesa, de Micomicón.


Publicidade

 

Club C!

O Club C! é unha novidade da programación que busca afondar na experiencia cultural de Compostela. Trátase dunha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais:

  • TRAS DO PANO: Visitas guiadas polos espazos escénicos municipais de Compostela.
  • POÑER O CORPO: Actividades arredor da programación de danza e artes do movemento.
  • PASEA: Pasear e falar, camiñar e compartir. Aprender nunha camiñada.
  • CONVERSANDO: Programa de encontros, manifestacións orais e faladoiros arredor dos contidos e liñas temáticas que conflúen nos espectáculos desta programación.
  • POSFUNCIÓN: Unha vez cae o pano, os/as convidados/as, persoas con relación coas temáticas tratadas nas pezas, ofrecerán o punto de vista práctico, serán quen contraste o que a obra conta, o que “quere dicir” con como se vive desde a realidade do presente esas mesmas situacións. A partir de aí, o debate estará aberto ao público asistente e aos elencos artísticos.
  • OBRADOIROS MULTIPLICA: Batería de obradoiros participativos para expandir as posibilidades temáticas, relacionais e de contextualización dos espectáculos aos que se adscriben.

As actividades do Club C! son todas de balde, algunhas delas con entrada libre ata completar a capacidade da sala e outras previa inscrición en [email protected]. A asignación de prazas farase por estrito orde de chegada da solicitude.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bernardas |

Certame ‘Sumidoiros’ na sala Ingrávida

EmpapeladoAmarelo02 |

Tito Asorey e Melania Cruz estrean ‘O empapelado amarelo’ en Ourense