Actualidade

Proxección de ’30 anos actuando’, o documental sobre Teatro do Noroeste, en Compostela

PUBLICIDADE

30 anos actuando. Que nos quiten o bailado! é unha longametraxe documental que narra a historia de Teatro do Noroeste e que se estreou coincidindo co 30º aniversario da compañía.

 

O vindeiro mércores 23, ás 20:30, proxectarase no Teatro Principal de Compostela o documental 30 anos actuando. Que nos quiten o bailado!, sobre a traxectoria da compañía Teatro do Noroeste. Dentro das actividades do Club C! e vencellado ao espectáculo Da avaricia, a luxuria e a morte de Teatro do Noroeste, que se poderá ver no mesmo Teatro Principal os días 24 e 25,  proxéctase este documental nunha sesión que contará coa presenza de Eva Alonso, Luma Gómez e Eduardo Alonso.

30 anos actuando. Que nos quiten o bailado! é unha longametraxe documental na que se narra a historia de Teatro do Noroeste e na que se fai un percorrido polos 37 espectáculos representados pola compañía. Unha historia que, segundo a súa dírectora, Eva Alonso, transcorre en paralelo coa historia do teatro galego.

O documental estreouse no ano 2017, coincidindo co 30º aniversario da compañía, que desenvolveu unha serie de actividades para celebralo. Pódese ver aquí un trailer do filme.

A alma de Teatro do Noroeste son Luma Gómez e Eduardo Alonso. Luma Gómez é unha actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Traballou en diversas compañías de teatro, así como en diversas montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas. Fixo importantes papeis cinematográficos con produtores do Estado e de Galicia. É actriz habitual en programas e series da TVG. Eduardo Alonso posúe unha das máis amplas e frutíferas traxectorias dentro do teatro profesional. Dirixiu máis de 40 espectáculos na súa dilatada carreira. É autor de diversos textos, foi o primeiro director do Centro Dramático Galego e en 1985 foi nomeado polo Ministerio de Cultura, membro do Consejo Nacional de Teatro, por designación directa. En 2017 recibiu o Premio de Honra Marisa Soto da AAAG.

O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!