in

‘Escenas do cambio’ converte o Gaiás no escaparate da vangarda

MOTUS |
Ata o 16 de febreiro poderanse ver dezasete propostas de sete países, entre as que se atopan a de tres referentes internacionais da danza máis vangardista: Vera Mantero, Tino Sehgal e Ligia Lewis e a versión teatral de MDLSX, de MOTUS

 

O Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio, levanta este xoves día 7 o pano no Gaiás para dar a coñecer durante dez días as propostas máis innovadoras e arriscadas das creacións da vangarda internacional —Vera Mantero, Ligia Lewis, Tino Sehgal, María Salgado & Fran MM Cabeza de Vaca, François Chaignaud, Marco Berrettini e MOTUS—; da española —Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel— e como non, da galega. Precisamente, esta quinta edición vai servir de escaparate para a presentación de cinco novos proxectos creativos da escena galega: Empapelado amarelo, de Melania Cruz e Tito Asorey; O inevitable, de Diego Anido e Borja Fernández; A cama do meu avó Manuel Méndez, de Celso Fernández Sanmartín; A casa vella, de Nuria Sotelo e Cris Sánchez; e Spanberguianismo, de Alejandra Pombo.

Durante a presentación desta quinta edición, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, puxo en valor esta “plataforma de proxección da creación galega máis recente” que supón Escenas do cambio. Neste acto estivo acompañado, entre outros, polos artistas Melania Cruz e Tito Asorey, cuxo novo proxecto O empapalado amarelo abre este xoves o certame. Xunto a eles estarán dous referentes no ámbito español da performance, Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel. Ambos os dous contan cunha carreira creativa na vangarda artística de máis de 40 anos e posúen cadanseu Premio Nacional e Velázquez das Artes, os máis prestixiosos neste eido.

Publicidade

Na súa intervención, Anxo Lorenzo cualificou Escenas do cambio como unha das “citas culturais imprescindibles”, xa que permite non só coñecer os novos traballos do sector galego, senón que supón unha “oportunidade única” de poder ver en Galicia a artistas e pezas de renome mundial e que son “todo un referente na vangarda artística”. Así, salientou o feito de que en Escenas do cambio 2019 se presenta por primeira vez en Galicia o traballo da coreógrafa portuguesa Vera Mantero: Tres solos, “que é parte da historia da danza”; mentres que Tino Sehgal e Ligia Lewis serán os encargados de pechar o festival o 16 de febreiro con Sans titre e Minor matter, respectivamente, “o que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional”, subliñou.

Precisamente, o director artístico de Escenas do cambio, Pablo Fidalgo, fixo fincapé en que coa presenza destes referentes, o festival confirma a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no certame –cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade– así como pola representación de pezas que aposten pola disidencia e o traballo en comunidade, “dous relatos que están a construír, desde os seus inicios hai cinco anos, a identidade do festival”, recordou.

 

Igualdade e identidade

A presentación de Escenas do cambio tivo lugar na escenografía de O empapelado amarelo, primeiro proxecto de Melania Cruz e Tito Asorey tras Ilmaquinario Teatro, compañía presente noutras edicións do festival e coa que conseguiron varios Premios Casares.

Agora, baixo o paraugas artístico de A quinta do cuadrante comezan unha nova etapa e estrea  O empapelado amarelo, espectáculo teatral baseado nunha novela de Charlotte Perkins Gilman, publicada en 1891, na que se denuncian os mecanismos de represión do heteropatriarcado sobre as mulleres da época.

O empapelado amarelo, xunto a de MDLSX de MOTUS, conforman as dúas pezas do festival que máis afondan en temas de igualdade e de xénero, moi recorrentes en todas as edicións. Un leitmotiv que gabou na rolda de prensa a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen incidiu na “valiosa ferramenta” que supoñen as creacións artísticas que van nesta liña na loita contra estereotipos, no fomento da igualdade e na consecución do respecto á diversidade e á identidade, tamén de xénero.

 

Cinco novos proxectos galegos

Publicidade

Xunto ao proxecto de Melania e Tito Asorey, Escenas do cambio 2019 permitirá coñecer tamén o primeiro traballo de Diego Anido e Borja Fernández como Colectivo Marciano Balboa para presentar O inevitable. Ambos contan cunha ampla bagaxe en compañías referentes da escena galega como Chévere ou Voadora. Tamén o festival de inverno da Cidade da Cultura foi escollido por un dos mellores autores de narración oral de Galicia, como é Celso Fernández Sanmartín, para presentar a versión teatral do seu recente salto ao mundo editorial con A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez.

Pola súa banda, Nuria Sotelo e Cris Sánchez –dúas referentes da danza e a performance en Galicia– están en pleno proceso de constitución dun novo espazo creativo: A casa vella e apostaron por Escenas do cambio para avanzar e adiantar como está a ser este ‘work in progress’. A presenza galega no festival complétase con Alejandra Pombo. A compostelana presenta o seu último proxecto: a tradución xunto a María Jerez de Spanberguianismo, un blog escrito durante o verán de 2010 polo artista e coreógrafo Märte Spänberg, que mantivo enganchados á súa escrita e ao que alí se contaba a unha comunidade importante de artistas relacionados coa danza e as performances.

Colaboración internacional

Igual que en todas edicións anteriores, Escenas do cambio 2019 conta cunha rede de colaboradores internacionais como o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, a Universidade de Santiago, A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Camões – Instituto da Cooperação e da Língua e, neste 2019, incorpora o Museo do Pobo Galego, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, que inclúen o Teatro Principal e o Salón Teatro.

 

Programa

7 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
18.00 Os voy a contar mi vida. Esther Ferrer
19.00 Empapelado amareloA quinta do cuadrante (Melania Cruz e Tito Asorey)
20.30 Tres solosOlympia, Uma misteriosa coisa disse e.e. cummings e Tal vez ela pudesse dançar primeiro e pensar depois. Vera Mantero | Ao rematar, conversa entre Esther Ferrer, Vera Mantero e Idoia Zabaleta

8 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
17.00 Escoliña do espectador con Idioa Zabaleta
18.00 Spanberguianismo. Presentación do libro por parte de Alejandra Pombo
19.00 Preguntas con respostas. Esther Ferrer
20.30 Jinete último Reino. Fragmento 3. María Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca

9 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
17.30 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
18.00 A casa vella. Presentación do novo proxecto de Nuria Sotelo e Cris Sánchez
19.00 Dumy moyi. François Chaignaud
20.30 A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez. Celso Sanmartín

10 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
12.30 Ifeel4. Marco Berrettini
19.00 O inevitable. Colectivo Marciano Balboa (Diego Anido e Borja Fernández)
20.30 MDLSX. Motus

11 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
19.00 Subida en tres actos. Performance de Isidoro Valcárcel Medina | Ao rematar, encontro de Isidoro Valcárcel Medina con Juan de Nieves

12 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta

13 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta

14 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
20.30 Trigger of happiness (O gatillo da felicidade). casaBranca (Ana Borralho e João Galante) | Ao remate da peza conversa aberta cos/coas adolescentes-performer da obra

15 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
19.00 Loie Fuller: Research. Ola Maciejewska
20.00 TUTUGURI. Flora Detraz
20.30Chroma (35’). Alessandro Sciarroni

16 febreiro
19.00 Sans titre (2000). Tino Sehgal
20.30 Minor matter. Ligia Lewis

 

Máis información sobre a edición deste ano aquí.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BuscónButacaZero |

O ‘Buscón’ de Quevedo chega a Vigo nunha adaptación que o trae aos nosos tempos

Um ponto que dança © Joana Linda |

Comeza a primeira rolda do GUIdance de Guimarães