Máis de 60 actividades e 30 compañías no Festival de Redondela

Un total de 30 compañías de Perú, Bélxica, Francia, El Salvador, Arxentina, República Checa, Madrid, Cataluña, Euskadi, Aragón, Castela e León e, por suposto, Galicia, compoñen o cartel deste ano.

 

O Festival Internacional de Títeres converterá a Redondela no escenario de máis de 63 representacións teatrais a cargo de 30 compañías chegadas de todas as partes do mundo. Para festexar a XX edición, a habitual programación escolar e de sala, ampliarase con máis funcións na rúa dende o xoves, que continuarán no Día das Letras Galegas e durante a fin de semana. Tamén se proxectará o documentario 20 anos… non é nada e reforzarase o contido musical con concertos para todos os públicos de A Gramola Gominola, Paco Nogueiras co seu Radio BuleBule e Cé a Orquestra Pantasma, entre outros.

O Festival arrancará o luns no Multiusos Piñeiral do Crego de Chapela con dúas sesións matinais a cargo da compañía Ocelot, de El Salvador, que porá sobre as táboas La Historia de un huevo perdido. Xa o martes, as representacións escolares trasladaranse ao Multiúsos da Xunqueira, con Una historia sobre el tiempo, do titiriteiro checo Pavel Smid, e manteranse no mesmo auditorio durante o resto da semana, con sesións ás 10:00 e ás 12:00, a cargo das devanditas compañías e dos aragoneses Títeres sin cabeza.

 

Programación de sala dende o martes no Multiúsos da Xunqueira

A programación de sala arrancará o martes ás 21:00 no Multiusos da Xunqueira coa proxección do documental 20 anos… non é nada, dirixido por Cuchi Carreira, que fai un repaso a través das imaxes e os testemuños das dúas décadas do Festival, e que ten un prezo de entrada de 2€.

As funcións de monicreques comezarán o mércores con Desde el Azul, da compañía Inés Pasic, de Perú e Bosnia, e continuarán ata o domingo, con propostas da arxentina Valeria Gudlietti, dos aragoneses Títeres sin cabeza, os galegos de Cinema Sticado, os madrileños de Titiriguiri, os castelán-leoneses de La Chana e do catalán Jordi Bertrán.

Todas as sesións de sala teñen un prezo único de 6€ adulto e 4€ nenos. A billeteira abrirá o martes ás 19:00h e poderanse mercar entradas anticipadas para todas as sesións ata completar o 50% do aforo. O resto das localidades venderase o mesmo día.

 

Programación nas rúas dende o xoves

Pero, sen dúbida, o prato forte do Festival chegará de cara á fin de semana. Nesta edición, para festexar os 20 anos, a programación de rúa reforzarase con máis actividades e espectáculos itinerantes, e comezará o xoves, cun especial vésperas na Praza do Concello. Xa no Día das Letras Galegas e na fin de semana, as prazas e rúas da vila encheranse do mellor teatro de monicreques con propostas chegadas dende Bélxica, El Salvador, Arxentina, Cantabria, Cataluña, Aragón, Castela e León e Euskadi.

Para o público adulto, e tamén como homenaxe ás compañías teatrais doutrora, as noites do xoves ao domingo estará instalado no Parking da Depuradora o teatro portátil de Théâtre Jaleo (Francia), que porá en escena o espectáculo Edén. A instalación móbil acollerá funcións desta montaxe ás 23:00h, ampliando outra sesión ás 20:30h o venres 17 e o sábado 18.

Como xa é tradicional, o domingo convidarase á toda a cidadanía a participar na ruada Redondela é un conto no que as compañías MG Producciones, Xip Xap Teatre e Educateatro trasladarán aos asistentes ao mundo dos personaxes fantásticos, saídos da tradición oral, do cómic e do cine. Animamos a toda a veciñanza a acudir disfrazados de calquera personaxe fantástica a esta ruada, que sairá ás 11:45 dende A Portela e chegará á Praza do Concello.

A programación reforzarase coa exposición “Marionetas do mundo. Un mundo de marionetas” de Viravolta títeres na Sala de Exposicións do Multiúsos da Xunqueira, os tradicionais xogos na Pista da Xunqueira, os títeres pola gorra e o mercadiño titiriteiro.

As posibles inclemencias metereolóxicas non serán impedimento para que o Festival poda transcurrir con normalidade e non se suspenda ningunha sesión.

Máis información e programa, aquí.

Deixar unha resposta