in

A Academia Galega de Teatro esixe a continuidade do Museo Galego da Marioneta

MuseoMarionetaAGT2 |
A Academia Galega de Teatro vén de facer público un manifesto no que mostra a súa repulsa ao recente anuncio de que o Museo Galego da Marioneta pecharía as súas portas a causa dos atrancos legais que impiden que adquira unha entidade xurídica propia. A Academia subliña a importancia histórica e cultural da colección e remata cun chamado a todas as entidades profesionais a rescatar o Museo.

 

O Museo Galego da Marioneta está en Lalín

Somos os ninguén, os don nada, os miñaxoia. Nada vale, dunha plumada morre, dunha plumada queda sen respiración e ala! xa está. Dis que é porque non ten un soporte legal. Un soporte legal?, que é iso. A legalidade por riba do camiño andado, do camiño da ilusión de manter viva a nosa memoria teatral e titiriteira. Viravolta, Anxo, Pili, Xulio puxeron todo o necesario para que as súas pescudas no teatro de títeres estivesen expostas dignamente, e que eu saiba a dignidade non precisa dun soporte legal, precisa, iso si, do apoio de todos nós, os ninguén, para que o mundo saiba que crear un museo da marioneta neste país non é unha tolaría nin un capricho efémero. É a necesidade dun pobo de crear os cimentos da súa cultura, de manter viva a esperanza das xeracións vindeiras, o sostén que mantén e xustifica a necesidade das escolas de teatro, dos teatros, dos actores, das actrices e dos titiriteiros. Que lle imos ensinar no futuro? Que a legalidade permitiu que o Museo Galego da Marioneta de Lalín, o único museo que recolle a actividade que dende os anos setenta se veu realizando neste noso país no eido dos títeres desaparecese? Como nunha guerra devastadora que extermina o noso cranio privilexiado dun só tiro certeiro? Que medo dá, que noxo, que falta de nós.

A situación creada pola decisión de destruír o ata agora construído con tanto agarimo, con tanta perspectiva histórica e con tanto valor e resistencia, é cando menos lamentable. O Pazo de Liñares é un lugar idóneo para acoller o Museo Galego da Marioneta, un lugar envexable que calquera concello intelixente estaría desexoso de ter, e aínda, máis se é xestionado por persoas vencelladas ao teatro de títeres como neste caso son os compoñentes de Viravolta.

O Museo da Marioneta de Lalín acolle pezas e documentos cedidos polas compañías de títeres deste país cun valor histórico importantísimo. Nunca na historia galega se conseguirá con tanto empeño crear un museo de títeres, un lugar onde mostrar o noso traballo ao público visitante. E non podemos, en silencio, permitir que alguén, de non sei onde, tome a decisión de pechar a nosa historia titiriteira presente e pasada. Calquera cidade do mundo estaría disposta a acoller o material aquí exposto, calquera cidade ou pobo intelixente, claro. Porque ter un museo nun pobo é sinónimo de cultura, de reclamo cultural, para que os cidadáns e visitantes se poidan sentir fachendosos do seu e presumir da historia do Teatro Galego de Títeres. E é por isto que non podemos manternos quietos, en silencio, permitindo un espolio da nosa cultura teatral, perdendo postos de traballo que xeraría o propio museo ben xestionado, porque a xestión é fundamental para darlle a publicidade necesaria, para que alguén que vaia a Lalín saiba que unha compañía de títeres, que un concello conserva o noso legado, os bonecos que durante tanto tempo e tantas funcións percorreron a nosa xeografía e fixeron as delicias de grandes e pequenos. Non permitamos que aconteza o espolio, non permitamos que o noso sexa desvalorizado, non permitamos que o esforzo dos compañeiros de Lalín caia no baleiro. Rescatar un banco é doado, rescatar a nosa historia titiriteira é necesario. Agora toca ir a procura de solucións, e nós, a Academia Galega de Teatro, podemos ser uns perfectos interlocutores para parar esta decisión que nos afecta a todos, porque nós queremos un país con historia, un país do que presumir e que teña institucións atractivas para os seareiros da cultura de aquí e de fóra, e o Museo da Marioneta ofrece unhas perspectivas inmellorables para que Lalín sexa un referente a nivel mundial. E se o concello de Lalín non quere, nós si.


Publicidade

Solicitamos as corporacións e asociacións do mundo teatral, Unima Galicia, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega e a propia Agadic que apoien esta iniciativa e evitar o desmantelamento do MUSEO GALEGO DA MARIONETA DE LALÍN, da nosa identidade, do noso, do de todos.

Academia Galega de Teatro

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GalaxiaHomeTraveseiro |

Galaxia publica ‘O home traveseiro’ de Martin McDonagh

FefaNoia |

Fefa Noia deixará a dirección do CDG en outubro