Galaxia publica ‘O home traveseiro’ de Martin McDonagh

A Editorial Galaxia, vén de publicar O home traveseiro, de Martin McDonagh, en tradución de Manuel Vieites, un volume que fai o número 13 da súa Biblioteca ESAD, onde xa se publicaron obras doutros autores contemporáneos que marcan a dramaturxia contemporánea: Thomas Bernhard, Heiner Müller, Sarah Kane, Caryl Churchill…

McDonagh é un dos autores dramáticos máis relevantes da escena británica e irlandesa das pasadas décadas, desenvolvendo igualmente unha notable carreira no eido do cine, como escritor de guións e director. En ambos os campos recibiu numerosos premio, desde un Oscar á mellor curtametraxe por Six Shooters (2005) ata un Globo de Ouro por Three Billboards Outside Ebbing, Missouri (2017). Como dramaturgo recibiu o Premio Lawrence Olivier á Mellor Obra en dúas ocasións (en 2003, por The Lieutenant of Inishmore, en 2004 pola obra que agora publica Galaxia e en 2016 por Hangmen), e foi finalista nos Tony en catro.

Unha parte importante da súa obra foi representada en Galicia, (A raíña da beleza de Leenane por Teatro do Atlántico, con dirección de Xulio Lago; Un cranio furado e Oeste solitario por Producións Teatrais Excéntricas, con dirección amabas de Quico Cadaval; O tolleito de Inishmaan por Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó; e O home traveseiro –co título O home almofada– por IlMaquinario, dirixida por Tito Asorey), onde tamén obtivo numerosos premios e unha moi favorable acollida da crítica.

 

Sinopse

Na cidade de Kamenice, nun lugar indeterminado da Europa Central, varios meniños e meniñas desaparecen. Os detectives Tupolski e Ariel deteñen e levan á comisaría dous irmáns, Katurian e Michal, logo dun rexistro na súa casa, onde atoparon probas que os poderían incriminar. O primeiro é un escritor de relatos que traballa no servizo de limpeza do matadoiro da cidade, mentres o segundo acode a un centro ocupacional para persoas con diversidade cognitiva. A medida que progresa o seu interrogatorio iranse ofrecendo detalles da vida de ambos, saberemos o tipo de relatos que escribe o maior dos irmáns e coñeceremos a sorte dos nenos e nenas desaparecidos. Pero tamén poderemos ler algunhas historias especialmente arrepiantes na mellor tradición da literatura popular infantil.

Deixar unha resposta