in

Quico Cadaval percorre a historia do teatro galego dende as Irmandades até hoxe

QuicoCadavalRAG |
Galego sen fronteiras, o ciclo de cursos de lingua e cultura galegas organizados pola Real Academia Galega e que se celebran durante o mes de xullo con alumnado de máis de vinte países diferentes, contou cunha palestra a cargo de Quico Cadaval sobre a historia do teatro galego. | Foto: RAG |

 

A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas, declarou. Por iso o teatro “nunca se librou de ser unha arte do demo”, explicaba Cadaval no relatorio sobre a historia do teatro galego. De feito, ao teatro e ás marionetas chámaselles popularmente “figuras do demo”, expresión que deu nome á intervención do dramaturgo, director e narrador escénico.

A aposta das Irmandades da Fala por crear un teatro burgués en lingua galega como ferramenta de normalización tamén incomodou o poder. O propio gobernador civil –explicaba– apupou o elenco durante unha representación de O Mariscal (1926), a obra de Ramón Cabanillas inspirada na historia de Pardo de Cela.

“As Irmandades tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal, inspirado nun mito fundamental do nacionalismo galeguista. Querían facer unha ópera porque iso era o máximo da cultura burguesa: se tiñas unha ópera, tiñas unha nación”, explicou.

Quico Cadaval detívose tamén no caso de Os vellos non deben de namorarse, onde Castelao soubo combinar o popular e o vangardista. A compañía Airiños seguiría a representala sempre que puido durante o franquismo, que só autorizaba a súa posta en escena en galego se tiña fins benéficos.


Publicidade

Xa nos últimos anos da ditadura, produciríase a fundación do teatro profesional galego moderno arredor da I Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, en 1973. A dramaturxia daquela década tivo un marcado compromiso político que a partir dos anos 80 daría paso a un teatro máis humorístico con iniciativas como a artellada arredor da Sala Nasa por Chévere, compañía que logo evolucionaría cara a espectáculos máis elaborados, concluíu Quico Cadaval.

 

Setenta estudantes de máis dunha vintena de nacionalidades profundan ata o 24 de xullo na lingua e na cultura galegas nunha cita xa tradicional. A Facultade de Filosofía acolle os XXXII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, cun programa que alén de lles ofrecer clases teóricas e prácticas sobre lingua, literatura ou sociolingüística, contempla visitas culturais e relatorios a cargo de profesionais de diversos eidos que lles achegarán diferentes olladas á realidade do país.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

unpoyorojo02 |

Comeza a XXXV MIT de Ribadavia

Canibalismo |

Crowfunding para adaptar ‘Canibalismo’, de Marcos Abalde, ao cinema